Resultados

A bandeira galega no máis alto do cros europeo

A historia do atletismo galego ten escrito no día de hoxe unha nova xesta durante a disputa do Campionato de Europa de Campo a Través desenvolto na localidade holandesa de Tilburg.

Dos catro atletas que ata alí se desprazaron, todos e cada un deles subiron ó podio por equipos nunha xornada na que serían peza esencial nas clasificacións por seleccións.

Na categoría Sub23 feminina Carmela Cardama acadaría un sensacioal oitavo posto sendo a segunda das hispanas, na que Celia Antón sería a mellor cun quinto lugar. Por países España colleitaría o subcampionato Europeo cedendo tan só por tres puntos ante as xermanas e rematando por diante do potente equipo británico.

Logo do fantástico comezo das representantes galegas, serían os homes os que tomarían a saída nunha proba que gañaría o equipo nacional francés que ademáis colocaría ó seu atleta Grassier de primeiro na clasificación individual. Por parte dos nosos, fantástico comportamento tanto de Tariku Novales que acadaría un sexto posto como de Adrián Ben quen chegaría catro postos máis atrás e que darían a España a medalla de bronce por equipos logo dos xa citados franceses e británicos .

Co subidón deste enorme éxito a cando aínda estabamos disfrutando dos resultados dos nosos e nosas atletas, chegaría a nova máis salientable no día de hoxe que non sería outra que o título de Campioa de Europa por relevos mixto de Solange Pereira quen subiría ó máis alto xunto a Saúl Ordóñez, Esther Guerreo e Víctor Ruíz. Con este enorme éxito a mundialista de Cangas, mellora a medalla de bronce acadada en Samorín na edición pasada.

Non se pode pedir máis para os nosos e nosas representantes neste arranque de grandes citas internacionais, na que de novo o campo a través galego, volve ser herdeiro do seu pasado máis esplendoroso.

Resultados

Compartir: