Un importante número de atletas Máster de Galicia tomará parte durante os días 4 ao 16 no Campionato do Mundo de Aire Libre que terá por escenario o Estadio de Atletismo da cidade de Málaga.
Coma sempre que un evento destas características sucede preto da nosa comunidade, a expectación xerada foi moi importante nun colectivo de atletas moi activo que conta cada vez con máis peso e importancia no noso deporte.
Entre os que se achegarán ata a cidade andaluza, destaca a presenza dun importante elenco de medallistas e plusmarquistas mundiais entre os que se atopan entre outros Pepín Rioseco, Luis Nogueira, Sole Castro, Mari Ángeles Rodríguez ou Emilia Mesa. O obxectivo non será outro que tentar subir o listón e mellorar os recentes éxitos do noso deporte nos europeos de pista cuberta que se desenvolveron no mes de marzo en Madrid.
Lembramos que o último Campionato do Mundo correspondería ao ano 2016 en Perth (Australia) onde Soledad Castro lograría un bronce na proba de Medio Maratón e a que acudirían un total de catro galegos.