Valencia consagra ó atletismo feminino galego

A pista cuberta do Palau Velodrum Luis Puig, acolleu esta fin de semana a cita nacional máis importante baixo teito da presente tempada.

A este LIV Campionato de España Absoluto acudiron un total de vintesete atletas galegos na que as figuras femininas de Ana Peleteiro, Solange Pereira, Saleta Fernández e Belén Toimil foron as que darían os metáis (dous ouros e dúas pratas) neste importante evento.

Para falar do que deu de si esta edición, comezamos pola velocidade na que nos 60 m. Javi Cancela entraría en semis logo de marcar 6.92 en series clasificatorias quedando ó remate de quinto con 6.96. Pola súa banda Javier García non puido baixar dos sete segundos parando o crono en 7.05 e quedando apeado na cuarta serie. A venezolana Nediam Nori Vargas con licenza galega, establecería 7.56 en eliminatorias e 7.50 en semifinais malia que a súa condición de estranxeira impediríalle acceder á final.

Xa nos 200 m. Sergio Rodríguez non puido baixar dos 22 segundos por 13 centésimas o que lle impediría pasar as semifinais o mesmo que Javier García quen xa o ano pasado estaría a piques de facelo ó aire libre malia que aquí correría en 22.70. Mauro Triana, xa casi restablecido da súa grave lesión, si ocuparía praza de finalista ó ocupar a sexta posición con 21.74  e volvendo pouco a pouco ó seu gran nivel. Nas semifinais marcaría 21.71 (MMT). Paula Iglesias con notable actuación, competiría tanto no doble hectómetro como nos 400 m. onde marcaría respectivamente 25.21 (MMT) e 56.03.

No medio fondo Adrián Ben entraría na final pola porta grande despóis de efectuar un rexistro de 3:47.92 na súa semifinal e na que Carlos Porto ocuparía, nunha boa carreira, o décimo lugar con 3:55.67 (MMP). Na final o de Lugo non tería o seu día entrando de oitavo con 3:52.92. Impresionante campionato o de Raquel Meaños quen daría un recital de calidade e madurez ó colarse na final marcando un crono de 2:07.97 que lle serviría para establecer un novo récord galego Sub-20. Da mesma maneira pelexaría polo bronce ata o remate escapándoselle por apenas cinco milésimas. O futuro chama as súas portas.

Nos 1.500 m. presenza de Sandra Mosquera e de Solange Pereira. A atleta do ADAS competiría moi ben ocupando a quinta posición na súa serie semifinal con 4:34.20 e acadando unha mellor marca persoal. A nosa mundialista en Londres gañaría a primera carreira con 4:28.23. malia que xa na final tería que ceder ante a soriana Marta Pérez, entrando en meta no segundo lugar con 4:22.10. bastante afastada dos seus 4:12.33 do pasado 13 de febreiro en Francia. Nesta mesma distancia Alice Marie Genevieve con ficha galega, pero fora de concurso, ocuparía a segunda praza da súa semifinal con 4:31.64.

Na final dos 3.000 m. non tiveron nada de sorte os nosos representantes, 8:35.78 para Gonzalo Basconcelo polos 9:26.33 de Leti Fernández. Máis non se lles pode pedir cando as adversidades se impoñen.

Nos valados Miguel Pérez con 8.40 quedaríase na primeira serie clasificatoria. Mesma sorte tiveron as mulleres nas que tan só Emma Valencia, nun moi bo campionato, conseguiría rebaixar dos nove segundos con 8.98 establecendo un novo récord galego master 35. Teresa Rodríguez con 9.01, Uxía Pereira con 9.10 e Antía Martínez con 9.12 completarían o grupo de valistas galegas.

No salto de altura, cumplíronse os pronósticos e Saleta Fernández subiría ata os 1.82 m. que a levarían a acadar por vez primeira o título de Campioa de España Absoluta. Na lonxitude, saltaría a sorpresa xa que Jean Marie Okutu ocuparía a cuarta posición quedando fora do podio con 7.63 m. Excelente campionato para Leticia Gil quen no seu último salto chegaría ata os 6.16 m. que lle servirían para encaramarse ata a quinta posición.

Xa na proba de triplo feminino unha de novo impresionante Ana Peleteiro, voaría ata os 14.22 m. establecendo un novo récord galego absoluto e quitando preto de trinta centímetros á segunda clasificada da proba. No mesmo concurso praza de finalista para a tamén saltadora galega Ruth Ndoumbe quen con 12.76 m. ocuparía a sexta posición. Na categoría masculina Anxo Blanco non puido achegarse ata esos 15.62 m. que traía, saltando ó remate 15.04 m. no seu segundo intento.

No peso Belen Toimil con só dous lanzamentos válidos chegaría ata os 15,83 m. no seu terceiro intento que lle valeron para acadar o subcampionato nacional tras a favorita Úrsula Ruíz. Na categoría masculina, Víctor Gallego sumaría a súa enésima participación nuns nacionais lanzando nesta ocasión ata os 15.75 m.

Por último, un loitador Adolfo Sáinz remataría as combinadas no décimo posto con 4.640 puntos e na que súa mellor proba serían os 60 v. con 8.89.

Resultados Campionatos de España. Valencia 2018

Compartir: