Resultados en directo /// Recordatorio: no relativo á tramitación de licenzas enviar correo-e a xestion@atletismo.gal

Ordes será a sede do I Circuito Galego de Lanzamentos Longos

Logo da posta en funcionamento este mesmo ano do I Circuito Galego de Marcha, a Federación Galega de Atletismo continúa impulsando a celebración e creación de máis probas seguindo este tipo de formato. En base a elo, e para o vindeiro ano 2025, arrincará baixo o patrocinio do Concello de Ordes o I Circuito Galego de Lanzamentos Longos que contará cun total de tres probas nas que se incluirán os concursos de martelo, disco e xavelina.

A primeira das xornadas que abrirá este circuito, desenvolverase o vindeiro día 12 de xaneiro que dará paso a do día 01 de febreiro, rematando ca última xornada prevista para os días 13 e 14 de decembro do 2025.

A Cidade Deportiva de Vista Alegre en Ordes, consigue a súa homologación en lanzamentos

O importante núcleo atlético que se formou entorno ao Clube Atlética A Silva que dirixe Pepe Domínguez nos últimos anos, verese reforzado logo da homologación da zona de lanzamentos da cidade deportiva de Vista Alegre de Ordes no pasado mes de xullo. Con esta medida, por unha banda, os atletas locais poderán adestrar en mellores condicións e por outra, o atletismo galego gaña un importante lugar de lanzamentos nos cales poder desenvolver actividade competitiva ofical.

Precisamente unha das importantes características que fan única a esta pista, é que se poden levar a cabo simultaneamente tanto lanzamentos de xavelina como lanzamentos de xaula o cal permite axilizar e facer máis dinámico, o programa de concursos.

Control de marcas inaugural

Con todo elo, a FGA co patrocinio do Concello de Ordes organizará os días 14 e 15 de decembro, un primeiro gran control de lanzamentos longos cuxas inscricións estarán abertas ata o vindeiro día 9 de decembro.

Pepe Domínguez e Concello de Ordes grandes protagonistas

Desde a Federación Galega quérese salientar o gran esforzo e traballo realizado por Pepe Domínguez para levar adiante este importante proxecto para o sector, así como o compromiso do Concello de Ordes por apoialo e patrocinalo.

 

Compartir: