Alex Sierpes en representación do Atletismo Narón e Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural Galega, protagonizaron esta fin de semana o máis destacado da actuación galega individual durante a celebración do Campionato de España de Clubs de campo a través desenvolto en Sevilla.
O atleta do Trega que competía como filial do equipo naronés, lograba a primeira posición na categoria Sub18 individual na mesma proba na que Teo de Frutos colleitaba de igual modo unha extraordinaria terceira posición a corenta e tres segundos do gañador.
No tocante á categoría feminina, foi Sabela Martínez da Gimnástica de Pontevedra quen acadaba postos de honra logo de rematar na terceira posición a oito segundos da gañadora na categoría Sub18.
Pola súa banda Carmen Martínez da Atlética Lucense na Sub16, convertíase na máis destacada ao entrar na línea de meta na cuarta posición contribuindo decisivamente a que por equipos as lucenses subiran ao podio no terceiro lugar. Xunto a Martínez, gran traballo de equipo o levado a cabo por Carmen Rábade, Eugenia Vérez, Sara Muñoz, Sabela Nieves e Claudia Morán
Para rematar compre salientar tamén, os quintos postos logrados polos equipos masculinos Sub18 da A.D. Fogar e polo Sub20 da Escola Atlética Lucense.