Fantástico e histórico balance do atletismo galego no Campionato do mundo de Trail e Mountain Running Máster celebrado esta fin de semana na localidade oscense de Canfranc.
As nosas e nosos representantes voltaron do Pirineo cun total de oito medallas o que pon en valor a calidade e o gran medre que está experimentando esta modalidade no noso deporte tanto no importante incremento do número de licenzas , como de resultados deportivos.
Nunha edición na que se deron cita máis de corenta paises para tomar parte nas modalidades de Classic 17K, Long Distance 34K e UpHill 6K, un total de 12 das nosas e nosos representantes acudiron á cita na que a gran protagonista foi a atleta Rebeca Mariño. A de Boiro tomaba parte o sábado na modalidade de UpHill na categoría F40, logrando o segundo posto do podio como integrante da Selección de España grazas en moi parte a súa cuarta posición na individual. O domingo sería o gran día para Rebeca xa que sobre a modalidade de Clasic 17K colleitaba o subcampionato mundial da categoría F40 logrando de igual modo o terceiro lugar na clasificación absoluta, pechando a súa fantástica actuación co terceiro posto por equipos tras a selección de Irlanda o que lle facían sumar nada menos que un total de catro medallas neste campionato.
No resto de categorías, o atleta Federico Losada lograba outro extraordinario resultado ao conseguir o subcampionato do mundo na modalidade WMMR Long Distance 34 da categoría M45 invertindo un tempo de 3h.28:45 e rematar a corenta segundos do castelán Santiago Mézquita. Por equipos, novamente víamos ao galego no máis alto do podio para recibir a medalla de ouro por seleccións.
Continuando nas medallas no colectivo, Emilio Montilla da modalidade Long Distance 34 M50 era outro dos nosos que se proclamaba campión mundial por conxuntos contribuindo decisivamente a elo grazas ao seu sexto posto individual. De igual modo Enara Fernández na F35 facía o propio co seu décimo primeiro posto na individual que sumaba para que España da modalidade Classic 17K se proclamara subcampioa mundial.
O resto de participación galega, compre salientar o posto de finalista acadado por Raquel Estévez na F55 sobre 34K e o triunfo na modalidade de Open Long Distance 34K, que se desenvolvía fora do campionato oficial máster, da galega Tamara García na absoluta feminina cun rexistro de 4h.41:04.