No día de hoxe o Presidente da FGA Iván Sanmartín, acompañado polo Delegado da FGA en Vigo e membro da Xunta Directiva David Posada, desprazáronse ata a sede da Deputación de Pontevedra para manter unha xuntanza de traballo ca Vicepresidenta segunda e deputada de Deportes, Economía e impulso ao emprego Luisa Sánchez.
O motivo da visita enmárcase dentro dos contactos que Sanmartín está levando a cabo con parte das institucións e organismos públicos na presentación de varios proxectos deportivos relacionados co noso deporte. En concreto a visita a Pontevedra, cumplía dúas finalidades xa que por unha banda serviu como un primeiro achegamento e presentación á recentemente nomeada Deputada de Deportes, e por outra, para expoñer algunhas das propostas que en materia atlética se pretenden levar a cabo na provincia pontevedresa para o 2025.
Sobre este aspecto, ambas partes acordaron manter unha xuntanza de traballo máis específica sobre as diferentes propostas plantexadas e sobre as cales, Iván Sanmartín destacaba a súa gran satisfación tanto polo gran interese como pola receptividade amosada por Sánchez e parte do seu equipo.