Castro Caldelas será o epicentro do Trail Running galego no mes de decembro

Este martes, 23 de xullo, tivo lugar a reunión preparatoria do que será o gran evento do trailrunning en Castro Caldelas para o mes de decembro.

A reunión foi presidida pola alcaldesa do concello ourensán, Inés Vega, que contou coa presenza do Responsable de trail running da FGA Iván Sangiao e o coordinador da Castro Caldelas Vegan Trail Manuel Rolán.

Dentro dos puntos a tratar destacouse a importancia de contar cunha instalación oficial ó aire libre como é o trail running center no propio concello, que será o epicentro da carreira do próximo día 15 de decembro, á parte que se estudaron distintas propostas para poñer en valor a instalación, actividades e a aposta deportiva do Concello.

Iván Sangiao destacou “o valor engadido que tén dispoñer de instalacións oficiais e percorridos deste tipo posto que brindan a oportunidade a tódolos deportistas e afeccionados de desfrutar de percorridos seguros á par que variados e fermosos”.

Como novidade este ano o evento iniciará na xornada do Sábado 14 de decembro coa I Edición da “Caldelas Vertical” que con 3,6 quilómetros e 800 m. de ascenso fará as delicias dos corredores galegos, contando tamén cun trazado máis curto para as categorías inferiores.

A xornada do domingo será o turno da proba “Classic” que transcorrerá desde o propio corazón do concello catalogada categoría G3 do ranking galego da FGA dentro da especialidade. Unha das particularidades do evento será preservar o carácter vegano do mesmo. Manuel Rolán sinalaba ó respecto que “é un elemento distintivo da proba, que xunto á súa dureza a fai única en Galicia”.

Neste contexto destacouse a importancia do dispositivo de seguridade, balizamento, seguimento da proba e  coordinación de voluntarios, árbitros e corpos de seguridade para o mesmo; así como se analizou o impacto económico, deportivo e social que terá o evento. Inés Vega destacaba que “desexamos xenerar un impacto positivo no propio concello, desde os abastecementos con produtos locais ata a implicación de toda a veciñanza, que sen dúbida desfrutarán de poder contar coas mellores corredoras e corredores galegos. Desexamos ser referentes nunha xestión responsable dun gran evento de trail running en tódolos aspectos e contamos cun gran equipo humano para levalo a cabo”.

Compartir: