Si no día de onte falabamos das máis destacadas actuacións masculinas que tomarán parte no Campionato Xunta de Galicia de Aire libre absoluto e Sub23 desta fin de semana en Vigo, no día de hoxe centrarémonos en analizar o que pode dar de si esta gran cita na categoría feminina.
Para comezar, son un total de 268 atletas as que neste momento figuran inscritas e confirmadas no listado de participantes, no que botaremos en falta a presenza dalgunhas das máis importantes figuras do noso deporte incursas na preparación dos Xogos Olímpicos.
A que si ten confirmada a súa presenza é a nosa bimedallista paralímpica Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural, quen sen lugar a dúbidas será o gran reclamo do campinato. Adi, quen se atopa ainda en plena preparación para os Xogos Paralímpicos -nos que aspira a repetir novamente a súa gran actuación da ultima edición-, acude a Balaídos ca intención de tomar parte tanto nos 100 como nos 200 m. nos que se enfrontará ca tamén internacional Ainhoa Repáraz quen reaparece logo dunha lesión que a mantivo apartada das competicións os últimos meses. Malia elo, serán Cristina Garrido da Gimnástica con 12.21 como Andrea Pais con 24.96 quenes a priori partan como unhas das favoritas grazas as súas mellores marcas da tempada.
Nos 400 m. Alicia Barreiro do Ría Ferrol e principal favorita, terá diante tanto a Ana Iglesias como a campioa galega do ano pasado Eugenia Gil da Gimnástica, nunha interesante proba na que as tres aspiran ao metal de ouro.
Nos 800 m. irrumpe con moita forza a naronesa Himi Lamiyae que acredita este ano 2:06 malia que por levar menos de tres anos con ficha galega, non poderá estar aspirando aos metais. Con esta circunstancia, será a actual campioa galega María Fernández con 2:08.86 quen asuma o papel de favorita ao título.
Atención nas probas de fondo ca campioa galega de milla en ruta e de pista indoor Eva Piñel do At. Femenino Celta, que acude ca intención de plantar cara tanto á vixente campioa galega Inés Docampo do ADAS CUPA como a campioa de Europa por equipos Sub20 de cros Antía Castro.
Os obstáculos terán na internacional Isabel Caeiro da Gimnástica a líder da proba sen esquecernos de Sara Guedes da Atlética Lucecense, a súa máxima rival.
Os 13.76 de Uxía Pereira nos 100 valos dan a lucense un importante aval de cara ao título que tamén podería repetir nos 400 valos, malia que haberá que estar moi pendente do que poidan decir tanto a pontevedresa Lucía Ferrer como a ferrolá Lucía Rivadulla.
Sobre os listóns, a campioa galega indoor de altura Iria Solera con 1.69 m. e Manuela Blanco do Ourense Atletismo en pértega con 3.80 m., figuran en todas as apostas como claras favoritas ao campionato na que ambas encabezan claramente o ranking anual.
Olaia Guisela Becerril de volta temporalmente dos Estados Unidos, intentará revalidar a súa medalla de ouro e achegarse ata a barreira dos 6 metros nun concurso de lonxitude no que terá como máximas rivais a Diaou Diallo do RIA e a Andrea Villaverde da Gimnástica.
En triplo, reaparición da internacional e campioa de España Sub20 Alba Cuns que ven de saltar recentemente ata os 12.79 m. e quen xunto a ourensá Alba Martínez con 12.27 m., son as únicas por riba da barreira dos doce metros neste ano.
Xa nos lanzamentos contaremos ca presenza de importantes atletas internacionais como é o caso de Xiana Lago do Ría Ferrol quen sobre o círculo de peso fará valer os seus 13.62 m. polos 48.96 m. da campioa galega María Ezquerro da Gimnástica no concurso de disco.
No martelo a campioa de España Sub18 e subcampioa galega absoluta Blanca Pereira do Ourense Atletismo suplirá o liderato de Irene Gómez -quen deixa temporalmente a práctica atlética- intentando sumar o seu primeiro metal dourado absoluto.
Paula Piñón con 46.38 m. e Antía Otero do At. Narón con 41.37 m. serán quenes diriman o título autonómico no lanzamento de xavelina na que tomará parte- sen dereito a medalla- a atleta do Ourense Atletismo Yiset Jiménez que ven de lanzar 56.13 m. Sobre esta modalidade botaremos en falta a presenza da múltiple campioa de España Lidia Parada quen recentemente lesioanábase nos seus ligamentos de xeonllo.
Por último moita atención tamén ao que poida facer sobre o sintético vigués a lucense, e sensación da marcha nos últimos anos, Aldara Meilán que tomará parte sobre proba dos 5.000 marcha.