Campionato galego absoluto. A previa masculina

250 atletas galegos masculinos están chamados esta fin de semana a tomar parte no Campionato Xunta de Galicia absoluto e Sub23 que terá por escenario a pistas viguesas de Balaídos.

Nesta interesante cita, agárdase ver importantes probas que contarán ca participación de varios plusmarquistas galegos e atletas internacionais na procura do último gran test previo a disputa  do Campionato de España absoluto que este ano viaxará a localidade alacantina de La Nucía a finais deste mes.

Por sectores a velocidade terá no plusmarquista galego e gañador indoor dos 60 m, Mauro Triana ao seu gran referente. O internacional coruñés, en gran estado de forma, tomará parte tanto nos 100 m. como nos 200 m. nos que ten acreditados este ano 10.55 e 21.52. A priori Pablo Tomé do Celta con 10.60 e Adrian Pérez do CAPEX con 10.75 nos 100 m. e Ricardo Cortizo do Celta con 21.63 no dobre hectómetro, poderían poñerlle as cousas complicadas ao de Coruña.

 Jacobo Soler centrará toda a atención na proba dos 400 m. O seu excelente estado de forma levárono a correr a distancia por debaixo dos 47 segundos que o sitúan nestes intres como un serio candidato a dar de baixa un dos récords máis lonxevos do atletismo galego, os que ten Isidoro Hornillos desde o ano 1979 nesta distancia con 46.24.

Nos 800 m. o internacional Elian Numa ven de acreditar unha marca de 1:48.41 que o fan claro favorito a reeditar o seu título nunha distancia na que tan só Hassan Izzedine da Gimnástica e Pedro Osorio do At. Santiago baixaron este ano dos 1:50.

Nos 1.500 David de la Fuente da Gimnástica parte como outro dos favoritos sobre a proba raiña do medio fondo con 3:47.05 ao igual que sobre os 3.000 obstáculos Hugo García, con todas as papeletas para reter o seu título autonómico do ano pasado.

Algo máis disputada estarán os 5.000 m. na que pouco máis de dous segundos separan aos máximos aspirantes ao título galego. Na final mediranse o campión galego absoluto Esteban Iglesia do Lucus Caixa Rural (14:19.60) e o subcampeón 2023 dos 1.500 m. Carlos Porto da Gimnástica de Pontevedra (14:21.83 ) que este ano apostará en Vigo por esta distancia.

Duelo de internacionais nos valos curtos con presenza tanto de Gerson Vidal Izaguirre como de Hugo Vázquez do Marineda At., campión e subcampión no ano pasado. A priori o venezolano parte como favorito grazas aos 13.82 polos 14.32 do coruñés nunha loita na que non se descarta ao lucense Santi Rozas do Lucus con 14.48.

Continundo cos valos, o subcampión galego absoluto Xabier Lires do Marineda At., aspira a subir un escalón máis no podio na distancia dos 400 valos. Os seus 52.88 deste ano tan só parecen estar ao alcance de Leo Rodríguez do Real Club Celta con 53.86.

O tamén internacional de combinadas e campión galego indoor deste ano Adolfo Saínz Maza, acudirá a cidade Olívica para tomar parte tanto en altura como en pértega. O chairego, en excelente estado de forma, acude ca mellor marca en altura con 1.95 m. ainda que na pértega terá enfronte a un Aitor Fernández que comparte marca con 4.40 m.

O gañador tanto do ano pasado como en indoor 2024, Sergio Coello da Gimnástica, fará valer no foso de lonxitude os seus 7.67 m. que o sitúan ao fronte do ranking galego por diante do tamén gimnástico Raúl Cortizo con 7.23 m.  Pola súa banda o sadense Diego Míguez é o único atleta que sobrepasa a barreira dos 15.00 metros este ano e que o converten en claro aspirante ante a ausencia de Alexandre Barreiro domiñador da modalidade nas últimas edicións.

Algo máis definidas a priori estarán os lanzamentos na que Eric Méndez da Real Sociedad en martelo con 62.17 m., Jonathan Correa da Gimnástica en xavelina con 63.56 m. e Miguel Angel Granado  do Celta en peso con 16.04 m., lideran de maneira clara os seus distintos concursos. Malia elo, Carlos Revuelta, Pedro Fidaku Santos e Fernando Vallines sen dúbida estarán pelexando ata o remate polo titulo autonómico.

Novamente o capitán da Gimnástica, Victor Gallego, figura en todas as apostas para acadar o ouro de disco co cal seguir alongando o seu dilatado historial de títulos absolutos.

Por último, o múltiple campión mundial da categoría máster Juan Manuel Morales do Marineda será quen lidere a proba dos 5.000 marcha grazas aos seus 21:02.06 que o colocan como claro favorito.

Compartir: