A Selección Galega sube ao podio no Campionato de España de probas Combinadas

Excelente resultado acadado esta fin de semana pola Selección Galega de probas combinadas no Campionato de España de Seleccións autonómicas levado a cabo no concello madrileño de Arganda.

O combinado autonómico nunha fantástica actuación, remataba en postos de podio logo de sumar un total de 23.654 puntos e ocupar o terceiro lugar do caixón de honra no que estiveron como gañadores a Comunidade Valenciana con 25.077 puntos seguidos do Pais Vasco como subcampións con 24.226.

A medalla de bronce foi cimentada pola excelente actuación do internacional venezolano con ficha por Galicia Gerson Vidal Izaguirre quen lograba impoñerse no cómputo xeral da proba masculina de maneira clara logo de lograr os triunfos parciais nas probas da lonxitude con 7.47 m.; 110 valos con 14.11; disco con 42.99 m. e no salto de altura no que foi capaz de superar o listón a dous metros. De igual modo tamén Adolfo Sáinz Maza contribuía significativamente a este éxito grazas aos seus 6.650 puntos aportados sendo o seu mellor parcial o dos 110 valos nos que invertía un crono de 15.04. O terceiro dos galegos foi o Sub20 Xoel Otero que lograba o terceiro posto da súa categoría con 6.227 puntos.

Por parte feminina Marta Alexandra Lisboeta chegaba no concurso de altura ata os 1.77 m. que xunto ao resto de probas do heptatlon, fixeron que sumara un total de 4.832 puntos. No resto de actuacións cabe salientar a Alicia Merino quen remataba con 4.382 (mellor parcial nos 100 m. con 14.74) e a Sub18 Iria Solera que aportaba 4.351 p. ca proba de altura como a mnáis destacada con 1.68.

Con este podio, Galicia sigue mantendo un peso importante nesta modalidade no conxunto do estado onde lembramos gañaba na edicións do 2007 e 2008 manténdose desde entón, nos postos destacados da clasificación xeral.

Campionato Xunta de Galicia de probas combinadas

Por outra banda, as pistas do USC de Santiago deron acollida esta fin de semana ao campionato Xunta de Galicia de Probas combinadas.

Durante o sábado e domingo, estiveron participando algúns dos atletas máis importantes da modalidade vivindose concursos moi emocioantes como os que se protagonizaron na categoría absoluta feminina. Nerea Amigo do At. Sada cun total de 3.329 puntos lograba o título autonómico sendo o subcampionato para Nerea Lago da A.D.CAR con dazaseis puntos menos. Xunto elas no terceiro lugar, Candela Vázquez do At. Sada con 3249 p.

Na categoría Sub18 títulos para Antía Calvo de A Silva cunha puntuación total de 3.647 puntos e Paco Lamas da Gimnástica con 5.570 puntos.  Xunto eles compartindo podio, Rebeca González do Rías Baixas con 2.932 e  Luna Guadalupe Pizarro do At. Sada con 2.434 p. en mulleres e Nuno Castro do Millaraio con 5.316 p. e Luis José Dam de A Silva con 5.013 p. en homes.

 

Compartir: