Rematan as ligas sen cambios para os equipos galegos

Rematan as Ligas neste 2024 para os clubs galegos e faio sen ningún cambio a como comezaron o pasado mes de abril.

Na división de honra, estará un ano máis na máxima categoría masculina a Gimnástica de Pontevedra que conseguía ademáis este pasado domingo, tomar parte na fase de loita polo título. Nun encontro no se proclamaba campión novamente o Playas de Castellón, os pontevedres colleitaban unha excelente sétima posición na que a título individual destaba a actuación de Dani Chamosa ao lograr o primeiro posto nos 5.000 marcha cun novo récord galego absoluto de 19:22.50.

Na primeira división, os máximos aspirantes a lograr o ascenso a Honra, Ria Ferrol en mulleres e Real Club Celta en homes, non tiveron excesiva sorte nos seus encontros, polo que terán que parmenecer un máis na categoría de prata do atletismo español.

Ambos equipos achegábanse sen coñecer a derrota nos seus encontros previos o que lles permitía contar con serias posibilidades de lograr unha das dúas prazas que daban o acceso directo ao ascenso.

O Ría Ferrol foi quen máis preto tivo o seu obxectivo, xa que tan só dous puntos seperaron as ferrolás do seu obxectivo. A nivel individual as máis destacadas foron  Alicia Barreiro nos 400 m.,  Noemi Sempere na lonxitude, María Barrios en triplo e o equipo de relevos dos 4×400 m. Pola súa banda o equipo masculino do Real Club Celta, remataba alonxado dos postos de cabeza nun encontro no que tanto Del Sur Cooperativa la Palma como UCAM-Cartagena lograban subir a Honra.

Excelente campionato realizado polo equipo feminino da Gimnastica de Pontevedra quen xunto ao Celta Feminino tamén tomaban parte no grupo de ascenso a División de Honra. As pontevedresas grazas aos triunfos parciais de Sabela Castelo nos 3.000 m., María Ezquerro en disco, Lía Caride nos 400 v. e Antía Chamosa nos 5.000 marcha, remataban na quinta posición con 94 puntos. O Celta Femenino concluía o seu encontro na oitava posición cun total de 47 puntos e cos triunfos parciais das súas atletas Eva Piñel nos 1.500 m. e Aixa Corballo en martelo.

Sen lugar a dúbidas o máis satisfeito de todos os clubs galegos participantes na primeira división foi o Atletismo Narón quen lograba con creces o seu obxectivo de manter a categoría. Os azulóns remataban comodamente unha excelente quinta posición con triunfos parciais para Hugo Vázquez nos 110 valos, Alexis Copello en triplo e Joao Venade en martelo.

Por último no que atinxa a segunda división, e como xa informamos, os encontros disputados o pasado fin de semana deixaban ao Ourense Atletismo en mulleres no cuarto posto da táboa, ocupando o Atletismo Santiago na categoría masculina o sétimo posto da clasificación.

Compartir: