Un ouro, dúas pratas, dous récords galegos e un total de nove finalistas, foi o excelente resultado acadado polo atletismo galego no Campionato de España Sub23 de pista curta desenvolto durante esta pasada fin de semana en Antequera.
Bo resultado para as nos@s
O máis salientable foi o título de España logrado pola internacional do RIA Ferrol Xiana Lago quen sobre o círculo de peso lograba no seu quinto lanzamento un tiro de 13.00 m. Con ese metal logra mellorar no seu primeiro ano Sub23, a medalla de prata lograda no pasado campionato en Sabadell, confirmando ao mesmo tempo a súa magnífica progresión.
Hugo Vázquez do Marineda sobre os 60 valos foi outro dos protagonistas destes campionatos. O internacional coruñés protagonizaba nas semifinais un rexistro de 8.00 o que representaban un novo récord galego Sub23 e a chave de acceso a final. Xa na mesma, volvería a rebaixar esa marca ata deixala en 7.97 logrando un sensacional subcampionato de España.
O terceiro dos metais foi parar á Inés Docampo sobre a proba dos 3.000 m. A internacional do ADAS CUPA partía como unha das serias aspirantes a lograr unha das medallas en xogo que tiña en Marta Serrano á clara favorita. Ao remate, excelente carreira da campioa de Europa por equipos do ano pasado en campo a través, quen plantando cara á madrileña, tan só cedería nos últimos metros logrando ademáis unha MMP de 9:28.47.
No resto de actuacións cabe salientar os postos de finalistas logrados por Miguel Angel Granados do R.C.Celta, 4º en peso con 15.81; Aitor Fernández do Super Amara, 5º en Heptatlón con 5.099 puntos; Andrea Reija do Xuncas Diversia, 6ª en Pentatlón con 3.645 puntos; María Fernández do Pielagos, 6º nos 800 m. con 2:13.04; Samuel Lema do A.Negreira, 6º en peso con 14.33 m.; David Vicente do Playas de Castellón, 7º nos 60 valos con 8.26; Jorge Román Leiros, 6º nos 400 m. con 48.07; Isabel Caeiro da Gimnástica, 7ª nos 3.000 m. con 10:08.05 e Ariadna Gil da Gimnástica, 8ª en triplo con 11.94.
Foto: Miguélez RFEA