Semana de presentacións a que está vivindo o atletismo galego no tocante aos distintos campionatos que durante este mes se desenvolverán.
No día de hoxe foi Ourense quen recibía aos distintos medios de comunicación para presentar o Campionato de España de pista curta que por terceira vez recibirá a cidade de As Burgas.
No acto de presentación estiveron tomando parte José Ramón Lete, Secretario Xeral para o Deporte; Gonzalo Pérez, alcalde de Ourense; Ivan Sanmartín, Presidente da FGA; Raúl Chapado Presidente da RFEA ou Rosendo Fernández da Deputacion de Ourense; Manuel Pérez Xefe do Servizo Provincial de Deportes e a de Anibal Pereira concelleiro de deportes en Ourense.
No acto, púxose en valor a importancia que a instalación atlética de Expourense ten na organización tanto de campionatos de Galicia como de campionatos de España a través das cales se xenera unha enorme actividade económica e unha non menos importante promoción e proxección do atletismo. De igual modo destacariase o excelente momento polo que atravesa o atletismo español con figuras mundiais entre as que destaca a presenza das galegas Belén Toimil e Ana Peleteiro así como a de Adrián Ben entre outros.
Importante presenza de público
O campionato recibirá durante os días 16, 17 e 18 de febreiro a presenza de máis de medio milleiro de atletas que se achegarán en representación de preto de cen clubs aos que hai que sumar algo máis de tres mil persoas que en calidade de familiares, técnicos e afeccioados estarán nunha instalación que novamente volve colgar o cartel de billetes esgotados.