Bo espectáculo e rexistros interesantes no Campionato Xunta de Galicia absoluto disputado este sábado en Expourense e na que preto de catrocentos atletas competiron durante todo o sábado polo título galego máis importante da pista curta galega do presente ano.
A nivel de actuacións o máis salientable foi a participación de Jacobo Soler quen conseguía sobre a proba dos 400 m. nada menos que o récord galego absoluto cun rexistro de 47.67 completando a súa actuación, co título galego na proba dos 200 m. con 21.84 o que pon de manifesto o gran momento de forma polo que atravesa o pontevedrés.
Continuando cas probas de velocidade, o internacional Mauro Triana amosaba excelentes prestacións sobre a proba dos 60 m. logo de impoñerse con 6.97. Na categoría feminina Andrea Pais do At. Alcorcón remataba os 200 m. con 24.88 que a sitúan de líder no ranking galego da distancia o mesmo que Alicia Barreiro do Ria Ferrol sobre os 400 m. con 57.11.
Nas probas de medio fondo foron notorias as actuacións do internacional Elian Numa López do Playas de Castellón quen conseguía o título sobre os 800 m. con 1:51.82. Pablo Bocelo da Gimnástica facía o propio sobre os 1.500 m. mellorando o rexistro do ranking galego con 3.49.37. Na categoría feminina Eva Piñel do Celta proclamábase campioa galega ca segunda mellor marca galega do ano nos 1.500 m. con 4.34.40.
Claudia Rojo do Piélagos e Santi Rozas do Lucus Caixa Rural foron os protagonistas sobre a proba dos valos logo de rematar ambos como líderes do ranking autonómico con 8.54 e 8.17 respectivamente
Nos concursos, o internacional en combinadas do Celta, Adolfo Sáinz-Maza saltaba en altura con 1.90 que lle serviría para lograr a medalla de ouro dunha modalidade sobre a que a saltadora Sub18 Iria Solera, de La Purísima proclamábase campioa galega con 1.69 m.
Interesante rivalidade a que mantiveron Aitor Fernández do Super Amara Bat e Tomás López do Atletismo Sada sobre o listón de pértega con triunfo para o primeiro con 4.60 m. Non menos interesante resultou o concurso de lonxitude entre os gimnásticos Sergio Coello e Raúl Cortizo e na que un primeiro salto de Coello de 7.38 m. servirían para proclámalo campión galego por apena dous centímetros de diferencia.
Mesma emoción na categoría feminina, na que tamén tres centímetros separaron á gañadora Antía Pernas do Lucus con 5,70 m. de Andrea Villaverde da Gimnástica sobre a lonxitude.
No foso de triplo bos concurso para os principais favoritos. A internacional Diaou Diallo do Ría Ferrol quen parece ter deixado atrás as lesións, saltaba no seu quinto salto ata os 12.20 m. polos 15.22 m. dun excelente Alexandre Barreiro do Lucus na categoría masculina.
Por último no lanzamento de peso, Raquel Villa do Celta mandaba o artefacto ata os 12.37 m. polos 12.30 m. da principal favorita, a internacional Xiana Lago do Ría Ferrol. En homes menos problemas para o Sub23 Miguel Angel Granado do Celta quen lograba un cómodo triunfo con 15.21 m.