A armada galega de campo a través parte cara ao estatal

Unha importante selección galega de campo a través partirá esta fin de semana para tomar parte no Campionato de España de Selecións autonómicas que por vez primeira desenvolverase de maneira conxunta para as selecións absolutas e escolar. O lugar designado para esta importante cita será Getafe e ata alí acude a nosa selección con importantes aspiracións de estar nos postos de honra do campionato.

Selección galega escolar

A nosa selección galega escolar será a primeira en competir e tomar parte no seu campionato nacional. Será o sábado a partir das 11.00 horas cando as Sub16 lideradas por Sabela Castelo estarán sobre o circuito madrileño de Gatefe para  intentar repetir o excelente campionato do ano pasado que as levaba ata o título de campioas de España. Pola súa banda o equipo masculino terá en Xoel Franco ao primeiro dos seus atletas e cuxo obxectivo pasa de igual modo, por estar nos postos finalistas dunha categoría que principiará as 11.40 horas sobre un circuito de 4.100 m.

Logo das primeiras carreiras será o momento para a categoría Sub18 que contará cos campións galegos Sabela Martínez e Asheber Díaz ao fronte das cales o resto de galegos e galegas intentarán a difícil tarefa de repetir postos de podio como fixeran o ano pasado ao ocupar ambas seleccións o terceiro caixón do nacional.  A carreira feminina será as 12.20 horas e a masculina ás 13.00 horas

Selección galega absoluta

Logo da xornada do sábado reservada para os escolares, o domingo a partir das 10.00 horas arrincará o Campionato de España de Seleccións autonómicas absoluta, Sub23, Sub20 e remudas mixtas.

A selección absoluta encabezada tanto na categoría femenina como masculina polos vixentes campións galegos absolutos de campo a través Laura Santos e o Sub23 Mehdi El Nabaoui intentarán liderar un equipo que o ano pasado lograba o subcampionato nacional na categoría feminina. Para elo terán por diante a potentes seleccións tales como Catalunya, Castela e Andalucia entre outras, que parten sempre entre as favoritas aos postos de podio.

O resto de equipos contarán de igual modo cas figuras da internacional Isabel Ceiro, (Sub23) así como de Emma Méndez (Sub20) e Miguel Alvariño (Sub20) os cales serán os encargados de  liderarár as formacións galegas nun campionato que pechará ca proba de remudas mixtas e onde a nosa comunidade estará tamén representada da man de Carlos Porto, Hassan Izzeddine, Antía Rodríguez e Himi Lamiyae.

Compartir: