No día de hoxe o Presidente da FGA Iván Sanmartín, anunciaba o nomeamento oficial de Pablo Gandoy como novo Delegado responsable da Federación Galega de Atletismo para a Delegación de Lugo.
O anuncio producíase logo de varias xuntanzas e reunións nas que tanto Sanmartín como Gandoy, viñeron mantendo nas últimas datas e a través das cales, foron perfilándose os distintos aspectos que marcarán esta nova etapa federativa na zona de Lugo.
Pablo Gandoy (Lugo, 1981) é un dos rostros máis coñecidos do atletismo lucense e galego. Desde os dazaseis anos ata a actualidade, este pai de familia sempre estivo vencellado ao noso deporte dunha maneira directa desenvolvendo varias e diversas funcións. Nos últimos anos, e sempre a través do Lucus Caixa Rural, levou a cabo varios cometidos entre os que destaca a de técnico, directivo e ultimamente Director Técnico.
Malia que afronta este cargo “con moita ilusión, gañas e compromiso,” o traballo ao fronte da delegación non lle é nada descoñecido xa que durante a última lexislatura federativa, ocuparía esta mesma responsabilidade á que renunciaba por motivos personais no ano 2016.
Para este seu segundo período, Gandoy ten claro os seus obxectivos “Intentarei aportar toda a niña experiencia, ilusión e capacidade de traballo para lograr potenciar o atletismo lucense” Para elo unha das súas accións prioritarias será a de centrar parte dos seus esforzos na procura de abrir posibilidades que faciliten máis e maiores patrocinios tanto a nivel institucional como privado. No tocante a infraestructuras “ será necesario seguir incidindo na necesidade de contar con máis instalacións así como de dotar as existentes de máis e mellores medios e recursos para o seu aproveitamento” insistindo tamén na necesidade de “descentralizar o atletismo co obxectivo de poder achegalo a todos os núcleos e recunchos da nosa provinza”
Con esta nova designación, continúan os cambios que de maneira progresiva está introducindo Iván Sanmartín a nivel funcional e estructural no seno do atletismo galego desde a súa chegada á presidencia fai nove meses.