A Xunta anuncia a creación dun bono deportivo para os deportistas federados entre os 6 e os 16 anos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo ou filla, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo.

Rueda salientou que esta iniciativa, dirixida a deportistas federados, fomentará a vida saudable das xeracións máis novas e chegará a máis de 130.000 fogares, á vez que facilitará a volta ao cole de todas as familias e incentivará as compras no comercio galego.

Desde a Federación Galega de Atletismo destácase que  “é un paso máis para axudar ás familias que teñen nenos ou nenas practicando actividade federada como é o caso do atletismo, á vez que se pon en valor o traballo que desenvolvemos dende as diferentes federacións con respecto o fomento e ao crecemento do deporte base”

Compartir: