Compostela recibe o Campionato Xunta de Galicia Sub20

Novamente as pistas universitarias de Santiago darán acollida esta fin de semana unha interesante edición autonómica do Campionato Xunta de Galicia da categoría Sub20.

Nela están chamados a participar máis de 250 atletas que estarán loitando polos postos de podio do campionato, así como por acadar as mínimas de participación para o nacional da categoría que se desenvolverá en Soria o vindeiro 22 e 23 de xullo.

Importante presenza de atletas internacionais

Na relación de participantes, destaca a presenza da internacional e plusmarquista galega dos 100 m. Ainhoa Repáraz do Val Miñor a quen veremos tomar parte tanto nos 100 como nos 200 m. Alba Cuns do Playas de Castellón, será outro dos referentes do campionato galego sobre o concurso de triplo salto no que parte como indiscutible favorita.

De igual modo no círculo de peso e disco estará a subcampioa de España do ano pasado Xiana Lago do Ria Ferrol quen estará lanzando ao igual que a internacional Blanca Pereira, do Ourense Atletismo no concurso de martelo. As especialistas en combinadas, e tamén medallistas nacionais, Lucía Sánchez da Atlética Lucense e Carlota Salgado do Celta, porán a proba a súa preparación neste periodo da tempada.

Especial atención á participación destacada de varias e varios dos medallista nacionais de aire libre e de pista cuberta como o caso de Isabel Caeiro da Gimnástica de Pontevedra nos 3.000 m.;  Emma Sihuang Pérez da Atlética Lucense en altura; Fernando Vallines do Maderas Barcia Lourenzá en peso e Nicolás Ortega do Atletismo Sada en disco.

Outros dos atletas importantes que poderemos ver nas pistas Universitarias preparando as súas postas a punto para o nacional serán,  Xoel Otero do Mazí sobre o triplo, lonxitude e os 110 valos; David Vicente do Playas de Castellón nos 110 valos e Pedro Vázquez do Celta nos 1.500 m.

Por último non perderemos de vista aos medallistas do último galego absoluto: David García do Atletismo Santiago en altura; Paula Noya da Atlética A Silva nos 400 m; María Ouréns do Atletismo Sada nos 400 valos, e as atletas Beatríz López do Riazor Coruña e Nadia Lía do Val Miñor nos 800 m.

Reformas nas bancadas do Estadio Universitario

No día de onte a Universidade de Santiago informaba da acometida inmediata dunha serie de reformas que afectan as bancadas cubertas do estadio deportivo e que impedirán o seu emprego. Por este motivo, todas aquelas persoas que desexen presenciar o campionato, poderán facelo ocupando a parte posterior da varanda que rodea á pista en todo o seu perímetro.

Foto de Fotocarlosgrafias

Compartir: