Veteranía e promoción irán da man en Pontevedra

As pistas do CGTD de Pontevedra serán este domingo día 11 sede de dúas importantes citas autonómicas.

Por unha banda disputarase a V edición da Copa de Clubs máster na que tomarán parte un total de catorce equipos nos que estarán representados os conxuntos da Atlética A Silva, La Purísima, Samertolameu, Atletismo Narón, Atletismo Sada e Ourense Atletismo en ambas categorías e o Marineda Atlético e Atletismo Santiago na masculina.

Novamente será unha boa oportunidade no individual, para acadar algunha mínima de cara ao nacional máster de finais deste mes que poderemos presenciar en Jeréz de la Frontera. No apartado colectivo, servirá de igual modo, para pelexar este importante trofeo que determinará o mellor conxunto galego.

Lembramos que a disputa por clubs máis recente foi a que tivo lugar o pasado 12 de marzo en Ourense na calebración da copa de pista cuberta e na que o Samertolameu lograba o triunfo na categoría masculina e o Atletismo Sada na feminina.

Campionato Xunta de Galicia Sub14 por equipos

Por outra banda, e de maneira paralela, poderemos presenciar o Campionato Xunta de Galicia de clubs Sub14 na que estarán presentes nada menos que un total de vintecatro conxuntos galegos.

Categoría Feminina: A.F. Celta, Ourense Atletismo, Gimnástica de Pontevedra, Atletismo Narón, C.D. La Purísima, Coruña Comarca, Comesañaña S.C., Millaraio, ADAS CUPA, Riazor Coruña, Lucus Caixa Rural, Atlética A Silva.

Categoría Masculina: Gimnástica de Pontevedra, Atletismo Narón, R.C.Celta, Coruña Comarca, Ourense Atletismo, ADAS CUPA, Agrupacion Viguesa A., C.D. Pinarium, C.S.C.R. Beade, At. Piringalla, S.A.Val Miñor, A. Ría de Foz.

Sobre o sintético do CGTD poderemos ver as actuacións dos nosos e nosas canteiranas algunhas das cales tomaban parte recentemente no Campionato de España levado a cabo en León e na que a priori tanto o Celta Feminino en mulleres, como a Gimnástica de Pontevedra en homes, parten ca mellor puntuación por estadillo. Malia elo corresponderá ao Atletismo Narón e ao ADAS CUPA defender os títulos logrados na edición pasada.

Compartir: