O atletismo máster cítase en Vigo este domingo

Máis de trescentos cincuenta atletas tomarán parte durante este domingo no Campionato Xunta de Galicia Máster que poderemos presenciar a partir das 10:00 horas nas pistas municipais de Balaídos.

Ata a cidade olívica acudirán os campións e campioas mundiais da pasada edición de pista cuberta desenvolta en Polonia, entre as que se atopan Esther Pedrosa do Playas de Castellón a quen poderemos ver tomando parte nos 400 m. na categoría W60. Juan Manuel Morales do Marineda, será outro dos atletas importantes que se den cita nestos autonómicos para tomar parte nos 5.000 marcha M40,  xunto ao tamén campión mundial, Pablo Fervenza do Samertolameu, inscrito na distancia dos 1.500 m. M70

Completa o grupo de medallistas presentes en Vigo, a bronce mundialista Tania Valverde do ADAS CUPA  que estará concursando no foso de lonxitude na categoría W35.

Presenza destacada de campións de España

De igual modo tamén teñen confirmada a súa participación un bo número de atletas campións e campioas de España tanto de aire libre en Arona, como de pista cuberta en Antequera . Entre elas estará María Mesías do Riazor Coruña a quen veremos loitar polo dobre título W45 de 100 e 200 m. ao igual que o Miguel Gómez do Celta nas mesmas distancias da categoría M40.

Carlos Ferrer do Narón estará tomando parte nas probas dos 100 e 300 valos M60,  xunto a Luz Domínguez de As Burgas na W60, clara favorita nos 400 m.

Pola súa banda a plusmarquista do Celta Cristina Estévez  aspira aos títulos dos 1.500 e 400 valos na W45 ao igual que Luisa Armesto do Atletismo Sada no concurso de xavelina na W70.

Xa por último, e completando este grupo de campións e campioas de España participantes, estarán en Balaídos Fernando Paredes do Celta no peso M45; Luz Sanmartín do Egovarros nos 200 m. W70; María Teresa Janeiro do Atletismo Sada no peso e no disco W45 e Bea Viteri do Samertolameu na M35 en pértega e martelo.

Compartir: