Preto de corenta galegas e galegos tomarán parte esta fin de semana nos Campionatos de España en Ruta para as modalidades de Milla, 5K. e Media Marathon que se disputarán na capital cántabra de Santander.
A proba de maratón é a distancia onde acude un maior número de atletas galegos e galegas (31) entre as cales se atopa a olímpica Julia Vaquero do S.D. Compostela quen loitará por mellorar o subcampionato nacional F50 logrado na edición do ano pasado. Mesma intención será a que amose Soledad Castro do Comesaña S.C. que viaxa co obxectivo de reeditar o título de campiona de España máster na F55.
Na categoría masculina estará presente o cuarto clasificado do 2022 Manuel Fernández do ADAS CUPA, loitando na M50 por un posto de podio xunto a Ricardo Vázquez do ADAS CUPA na M45 e Amador Pena do SD Compostela na M40, todos finalistas no pasado campionato de Las Palmas. Estaremos tamén moi pendentes da actuación do trimedallista mundial máster deste ano en Polonia, Pablo Fervenza do Samertolameu, na súa aspiración de lograr o título na categoría M70
Atletas másters importantes como Rubén Diz e Javier Parades do Ourense Atletismo na categoría masculina ou Iria Fernández do ADAS CUPA na feminina, completarán esta relación de participantes na proba da media maratón.
Milla e 5K
Tamén contaremos con importante presenza galega nos Campionatos de 5K. e de Milla en Ruta, sobre os que poderemos seguir as evolucións da campioa galega dos 10K. e de campo a través, a lucense Laura Santos nos 5K. O campión galego de 10.000 m. Hugo García do Real Club Celta figura inscrito tanto na proba dos 5K. como na de milla en ruta, proba esta última na que podería compartir línea de saída con Pablo Bocelo da Gimnástica. Por último, o tamén lucense e campión galego absoluto de campo a través Esteban Iglesia do Lucus Caixa Rural, participará no campionato dos 5K.