Segunda xornada dispar de Liga para os clubs galegos

Nova segunda xornada de Liga para as categorías de Honra e Primeira división a disputada esta pasada fin de semana polos equipos galegos do Ría Ferrol, Celta e Gimnástica e que se saldou con resultados dispares.

División Honra

Para comezar na máxima categoría estatal, o equipo masculino da Gimnástica de Pontevedra colleitaba no seu encontro disputado en Pamplona un terceiro posto que sumado ao tamén terceiro posto da primeira xornada, sitúanno na clasificación xeral no décimo primeiro posto con catro puntos. Con este resultado tomará parte no último encontro polo permanencia tendo prácticamente todas as papeletas para estar un ano máis na máxima categoría.

Caso contrario ocurre co equipo feminino do RIA Ferrol que volvía caer novamente ata a última posición no seu cuadrangular celebrado no estadio barcelonés de Serrahima. Con este resultado complícanse as opcións das ferrolás de estar un ano máis na división Honra, polo que terán que tirar de xesta no terceiro e decisivo encontro para continuar na elite nacional.

Primeira División

Na primeira división masculina, novo paso ao fronte do Real Club Celta quen lograba a súa segunda victoria de grupo do ano. Desta ocasión foron as pistas madrileñas de Vallehermoso as que viron un novo triunfo vigués que os sitúa de terceiros na clasificación xeral, con todas as opcións de ascender no último e decisivo encontro. A priori o Atletismo Intec e o Atletismo Albacete serán os rivais a batir nunha cita na que se disputará con oito equipos a un só atleta por proba, e na que só ascenden os dous primeiros.

No tocante a categoría feminina as formacións do Celta Femenino e da Sociedad Gimnástica, ca lección ben aprendida do ano pasado na que se sufriu ata o final, completaban esta segunda cita en Madrid e Badajoz nos postos terceiro e segundo respectivamente. Tanto célticas como pontevedresas estarán no terceiro e último encontro encadradas moi comodamente no grupo de loita polo título sen nada que perder, polo que se agarda sexa un excelente momento para ir na procura de bos rexistros a nivel personal.

O terceiro encontro para todas as categorías disputarase entre os días 10 e 11 de xuño en Madrid.

Compartir: