Éxito dos lanzamentos galegos no nacional de menores

Novamente o sector dos lanzamentos galegos sacaba músculo esta fin de semana durante a disputa do Campionato de España de Lanzamentos longos das categorías menores desenvolta en Castellón

Nada menos que un total de oito medallas (3 ouros, 2 pratas e 3 bronces) e un récord galego, foi o balance total da magnífica actuación galega composta por quince atletas que acudiron ata a localidade levantina na procura de bos rexistros e boas actuacións.

Sen lugar a dúbidas o máis salientable foron as dúas medallas de ouro logradas pola atleta do Celta Atletismo Mar Simón Carreño quen lograba impoñerse no lanzamento de disco con 43.80 m. e no de martelo cun destacado  49,75 m. que a sitúan como un dos importantes valores emerxentes deste sector.

Moita atención a Hugo Casañas do Rías Baixas quen continúa a súa imparable progresión que o levaban desta vez ata os formidables 58.08 m. no concurso de disco. Con este rexistro lograba ademáis do título nacional, un novo récord galego Sub16  que confirman as extraordinarias sensacións que está deixando este talentoso atleta.

Continuando cas actuacións destacadas, na categoría Sub20 lograba o subcampionato de España a internacional do Ourense Atletismo con Blanca Pereira que chegaba xa no seu primeiro lanzamento ata os 50.99 m. no círculo de martelo. Lara Iglesias do Atletismo Barbanza pola súa contra, agardou ata o seu último lanzamento para lograr outro metal de prata sobre o concurso de xavelina Sub18 con 45.31 m.

Nicolás Ortega do Atletismo Sada lograba a súa mellor marca da tempada Sub20 con tan só dous lanzamentos válidos, pero suficientes para alcanzar os 49,01 m.  cos que voltaba ca medalla de bronce.

De igual modo na categoría Sub16 tanto Francisco del Alcazar do Real Club Celta en martelo con 51.33 m. como Nuno Castro do Millaraio en xavelina con 46.42 m. pechaban a relación de medallistas galegos logrando sendos metais de bronce.

Por último foron tamén destacados os postos de finalistas logrados por Enzo López na xavelina Sub18; Sergio Fernández do ADAS en disco Sub16;  Javier Cid do ADAS, Anxo Filgueira da Gimnástica e Marta Hermida do Celta en martelo Sub16;  Xiana Lago do Ría Ferrol en disco Sub20; Aixa Corbacho do Rías Baixas en martelo Sub18 e Antía Otero do Atletismo Narón en xavelina Sub16

 

Compartir: