Nova fin de semana e novo campionato de España de pista cuberta Sub18 o que terá lugar na cidade de Salamanca os días 11 e 12, e a que acuden un total de corenta das nosas e nosos representantes na procura de metais e bos rexistros.
Entre a lista de participantes destaca a presenza da plusmarquista nacional dos 3.000 m. Xela Martínez da Atlética Lucense que aspira a un novo título sen renunciar a eses 9:14.96 que ela mesma acreditara como tope nacional o ano pasado en Ourense.
Xunto á internacional, outro dos grandes valores da Atlética Lucense que estará na loita directa polo título será Amparo Corredoira a cal parte ca mellor marca das participantes na proba dos 1.500 m. Sen abandoar as distancias longas, atención a Asheber Díaz do Celta cuxo excelente estado de forma faino candidato directo ás medallas
No medio fondo importante representación galega nos 800 m. por parte dunha das favoritas ao podio, Celia Castro do Mazí, Nos homes os ferroláns Ricardo Negrete do Atletismo Ferrol e Adrián Rivadulla do Ría, liderarán aos galegos participantes sobre esta distancia.
Atención nas probas de velocidade á participación de Nerea Martínez de O Pino sobre os 60 m.; Antía Pernas do Lucus Caixa Rural e Javier de la Fuente do Real Club Celta sobre os 200 m. así como de Alicia Barreiro do Ría Ferrol e de Fabián Parada do Barbanza nos 400 m., todas elas aspirantas e aspirantes a postos de finalistas.
No concurso de pértega Manuela Blanco do Ourense Atletismo acude cun rexistro de 3.50 m. o que a sitúan nas quinielas de podio. No tocante aos homes é Alejandro Villaverde da Gimnástica o que pelexará por un bo posto na final á que tamén aspira Unai Loureiro do Coruña Comarca en lonxitude e triplo
Por último estaremos moi atentos ao concurso en combinadas na que o gimnástico Matías Moldes intentará superar a barreira dos 4.500 puntos.