O pasado venres o presidente da Federación Galega de Atletismo Iván Sanmartín e o directivo do Club Ourense Atletismo Oscar Seoane, mantiveron unha reunión de traballo no Concello de Ourense co alcalde da cidade Gonzalo Pérez Jácome.
Neste encontro os tres asistentes estiveron sentando as bases para a creación dun proxecto común a través do cal se estableza a celebración dunha serie de xornadas atléticas en pista cuberta, aire libre e mesmo ruta, que incrementen a oferta competitiva na cidade das Burgas. Con este proxecto, que contou cun total respaldo por parte do Concello, preténdese ampliar a oferta atlética competitiva así como potenciar e proxectar a imaxe da cidade a nivel autonómico, nacional e internacional. Sobre este último aspecto, Gonzalo Pérez mostrouse moi interesado en seguir impulsando a celebración de Campionatos de España que tan boa imaxe proxecta da cidade tras a súa celebración.
Experiencia contrastada
Desde a inauguración da pista cuberta de Ourense, unha das mais importantes e avanzadas a nivel mundial da súa categoría, foron varios os campionatos de España que se viñeron disputando nas súas instalación, saldándose todos e cada un deles cun excelente balance de resultados tanto no deportivo como no organizativo. Ademáis de todo elo, non é menos importante o gran impacto económico que unha cidade media con máis de cen mil habitantes experimenta ca organización destes campionatos nos que se chega a incrementar ata o 1% da súa poboación xeral.