Nova cita en Expourense para os Sub16 e Sub18

Novo e intenso fin de semana o que viviremos en Ourense durante a disputa do Campionato Xunta de Galicia Sub16 e Sub18 de porobas combinadas e o Campionato Xunta de Galicia Sub18.

Esta edición contará cunha participación de máis de catrocentos atletas achegados de todas as partes da nosa comunidade na procura tanto dun bo rexistro como das distintas medallas que están en xogo.

Entre a relación de participantes figuran atletas internacionais e varias das medallistas dos pasados campionatos nacionais Sub16 e Sub18 o que da boa mostra do nivel que nos agarda durante esta fin de semana.

Comezando cas probas de velocidade, o bronce nacional de aire libre Sub18 Fabian Vidal da Atlética Barbanza parte como favorito sobre a proba dos 400 m. distancia esta, que está experimentando un medre en calidade moi importante nos últimos anos. No medio fondo e fondo tomarán parte sobre o sintético ourensá unha gran parte das nosas e nosos importantes talentos atléticos do momento. Por unha banda nos 1.500 contaremos ca participación da internacional lucense da Escola Atlética Xela Martínez quen recemenente tomaba parte nos mundiais de campo a través. Xunto a múltiple plusmarquista nacional, estará na línea de saída a tamén lucense Amparo Corredoira quen foi podio nacional no 2022 Sub16 sobre os 1000 m.

Nos 800 m. poderemos ver as evolucións do tamén bronce nacional Sub16 Daniel Salgueiro do Coruña Comarca debutando nesta categoría na que competirá co vixente campión galego da categoría Ricardo Negrete do Atletismo Ferrol quen parte como favorito. Nas mulleres tomará parte a campioa de España Sub16 Celia Castro do Mazí que a priori será a favorita sobre esta mesma distancia.

Nos homes outro dos debutantes nesta categoría é o actual campión de España Sub16 dos 3.000 m. Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural que estará tomando parte nunha interesante proba xunto a Iker Fernández de A Gándara na loita polos postos importantes. Cambiando de categoría pero non de distancia, seguiremos con especial atención á finalista dos 3.000 m. do pasado nacional de aire libre Leya Villar do Ourense Atletismo quen manterá un interesante man a man cas lucenses Sara Guedes e Sandra González.

Nos valos, o actual campión galego Simón Rodríguez do Riazor Coruña terá enfronte ao finalista nacional Sub16 do ano pasado Leo Rodríguez do Real Club Celta como un dos principais rivais da proba. Continuando cos concursos, Alvaro Francos do Millaraio estará defendendo o título galego na modalidade de pértega onde tamén tomará parte o finalista nacional Sub16  Martín Santos do Atletismo Sada. Pola súa banda a medallista nacional Sub16 de peso Gema Dacosta do Vila de Cangas parte como clara favorita nun concurso no que podería compartir título con Eloy Acuña da Gimnástica de Pontevedra

No campionato galego de combinadas Sub18 teremos a Andrea Laya do Riazor Coruña e a Matías Moldes da Gimnástica como os concursantes que conten con máis papeletas para estar no máis alto do podio. Mesmas probabilidades serán as que teñán a tamén coruñesa do Riazor Celia Fernández e o atleta Nuno Castro do Millaraio na categoría Sub16.

Compartir: