Resultados

Presentouse o Campionato de España de Clubs

O Campionato de España de Clubs foi presentado esta mañá por Expourense nun acto no que participaron os organizadores técnicos e os colaboradores institucionais (administración autonómica, provincial e local).

O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, exerceu como anfitrión desta presentación na que participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; o vicepresidente da Deputación provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez; o representante da RFEA, Santiago Ferrer; a presidenta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Charo Castro. Do mesmo xeito que a tempada pasada esta instalación segue brindando a posibilidade de gozar, de atletismo do máis alto nivel, xa que xunto con esta copa de clubs da fin de semana e os campionatos galegos, a finais de marzo acóllese o campionato de España Sub’16. Doutra banda, tamén se espera que algunha das concentracións preparatorias para o campionato de Europa do próximo 3 ao 5 de marzo celébrense nas instalacións de Expourense.

Todo unha oportunidade para ver aos mellores atletas nacionais

Este sábado 11 de febreiro a pista de atletismo de Expourense acolle o Campionato de España de Clubs 2023 no que se disputa a Copa Joma (masculina) e Copa Iberdrola (feminina) na que participarán os 16 mellores clubs de España.

Participarán nesta competición varios dos mellores atletas de España que aproveitarán para afinar a súa preparación de fronte ao Campionato de España Absoluto que se celebrará o próximo do 18 de febreiro en Gallur (Madrid), buscando ademais a clasificación para o Campionato de Europa.

Xunto cos preto de 300 deportistas e persoal da organización, espérase que se desprace público de toda a xeografía española para seguir esta competición que, sumado á retransmisión en streaming a través das canles da Real Federación de Atletismo de España (RFEA), converterá a Pista Cuberta de Atletismo de Galicia en Expourense en capital nacional de atletismo durante a fin de semana. Trátase do sexto campionato de España que acollen estas instalacións punteiras cualificadas polos propios atletas como “pista milagre”, unha pista rápida, escenario de varios récords de España, e do Mundo, en distintas categorías.

A competición organizada pola Real Federación Española de Atletismo, coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e Sociedade Ximnástica de Pontevedra desenvólvese na tarde do sábado (16:00-21:30), sendo as cerimonias de premiación da Copa Iberdrola (feminina) ás 18:20 aproximadamente e a da Copa Joma (masculina) ás 21:05.

A asistencia a este Campionato é de balde ata completar o aforo de Expourense.

Compartir: