Apelidos que marchan a ritmo de triunfo en A Pobra

As pistas de A Alta da Pobra da Caramiñal acollían esta sábado a máis dun cento de marchadoras e marchadores para a disputa do Campionato Xunta de Galicia de Inverno de marcha en pista baixo un bo ambente e unha excelente climatoloxía.

Como era previsible os irmáns Antía e Daniel Chamosa da Gimnástica de Pontevedra proclamáronse campións galegos absolutos desta edición cun rexistro de 22:55.83 e de 20:32.46 sobre a proba dos 5.000 m. Xunto eles estiveron compartindo podio na categoría feminina Aldara Meilán da Atlética Lucense quen plantou cara á gañadora rematando segunda con 23:39.60 e Alba Pérez do Atletismo Negreira, bronce con 26:11.07. En homes dobre podio para o Marineda Atlético da man Juan Manuel Morales, prata con 21:41.60 e Ismael Díaz, bronce do 23:22.17.

No resto de categorías os triunfos corresponderon na proba dos 3.000 marcha Sub16 a Noa Abelleira do Lucus Caixa Rural con 15:55.35 sendo na categoría Sub14 os títulos autonómicos para Alba Morales do Marineda Atlético con 10:24.37 e Tomás Bautista do Atletismo Porriño con 10:25.75.

Na categoría Sub12 dobre triunfo na proba dos 2.000 m. para os atletas do Atletismo Narón Alicia Espina con 11:55.31 e Antón Díaz con 11:20.45. Por último na categoría dos máis pequenos e pequeñas, a Sub10,  proclamáronse gañadoras Paula Morales do Marineda Atlético con 5:33.51 e Thiago Ceide da Atlética Lucense con 5:26.08.

No resto de categorías másters femininas, Emilia Rodríguez do Trega domiñana a categoría W45 sendo María Soledad Pousa do Ourense Atletismo quen facía o propio ca W50. Sen abandonar a categoría máster, Manuel Polo do Atletismo Narón colleitaba un novo título autonómico na M45 ao igual que Carlos Morales do Ourense Atletismo na M35.

Unha familia entregada á marcha

Como dato curioso é salientable as tres medallas logradas pola familia Morales Pedreira xa que tanto Alba na categoría Sub14 como a máis pequena da familia, Paula na Sub10, lograban gañar as súas respectivas probas baixo a atenta mirada da súa nai Cristina e a do seu pai, o campión mundial máster e plusmarquista galego da súa categoría Juan Manuel Morales ,que tamén lograba o campionato de Galicia na categoría máster M40 e o subcampionato na absoluta.

Este parentesco súmase ao que tamén protagonizan a parella de internacionais que forman os irmáns Antía e Daniel Chamosa ou os de Natalia e Iria Rivas por citar só algúns dos máis coñecidos.

Compartir: