Esta fin de semana a localidade de Parla e a cántabra de Camargo, recibirán a participación de atletas galegas e galegos na disputa de dous importantes Campionatos de España
Ata a localidade madrileña acudirán un total de dez atletas másters para tomar parte na primeira edición do Campionato de España de 5K en ruta. Entre as que acuden a esta cita atópanse a santiguesa Esther Pedrosa que parte como favorita na súa categoría F60 logo do seu recente título de España de Milla en pista da pasada semana. Outro dos destacados será Pablo Fervenza do Samertolameu, quen tamén a pasada fin de semana proclamábase campión de España dos 10.000 m. e da Milla, proba esta última na que lograba ademáis un novo récord de España. Xunto eles, o medalla de bronce nacional na Milla M40 Amador Pena do S.D.Compostela, completará a punta de lanza da expedición galega.
Xunto eles tamén estarán compitindo Elena Ledo do ADAS CUPA, Angeles Ripoll do C.A.Sada, Begoña de Arriba e Marcelo Vasques do Egovarros, Juan Negreira do C.A.Sar, Manuel Paredes do Barbanza e Emilio García da S.D. Compostela
Campionato de España de Clubs Sub16
Por outra banda ata Cantabria viaxarán os equipos galegos Sub16 do Atletismo Narón e Atlética A Silva para competir no Campionato de España Feminino B1 xunto ás entidades de Ciudad de Lugones, Camargo Ría del Carmen, Super Amara BAT, Hiru-Herri e Real Sociedad.
Esta competición representa unha excelente oportunidade para que as nosas atletas, máis alá dos resultados, poidan adquirir boas experiencias e estímulos na súa etapa formativa.