Resultados

O atletismo galego feminino marca o ritmo

A día de hoxe, un total de vintesete atletas da nosa comunidade son quenes están ocupando un dos postos importantes Top-10 das distancias olímpicas no ránking de España absoluto permanente.

Compre salientar que ao fronte desta lista, sitúanse tres galegas  (Julia Vaquero, Belén Toimil e Ana Peleteiro) quenes posúen na actualidade a plusmarca nacional nas súas respectivas modalidades. De igual modo é moi salientable que no total de atletas na zona de Top3, nove correspondan á categoría femenina por tan só un da categoría masculina o que pon de manifesto a gran relevancia e calidade do atletismo galego feminino nos últimos anos.

O rexistro máis antigo data do ano 1993 no que Alejandro Gómez establecía en Oslo un crono de 27:39.38 sobre os 10.000 m. sendo na categoría feminina Angeles Barreiro quen facía o propio no concurso de disco con 60.56 m. un ano despois en Ferrol.

Por especialidades destaca o sector dos lanzamentos que conta cun total de nove atletas nos postos importantes da lista, domiñando por modalidades a xavelina e a proba dos 35 km. marcha, proba esta última de recente implantación.

En canto a  nomes propios, dous dos atletas estandarte que marcaron época do noso deporte Julia Vaquero e Alejandro Gómez, figuran en máis dunha ocasión nese Top10 logo de ter sido capaces de simultanear as probas máis longas do calendario como son os 5.000 m., os 10.000 m. e a proba de maratón.

Por último un dato importante é que nos últimos dous lustros incorporáronse a esta relación un total de doce atletas galegos e galegas o que representa algo máis do 40% e que reflicte unha importante dinámica de rexuvenecemento nos distintos rexistros.

Compartir: