Convocada a Selección Galega Sub16 para o Campionato de España Escolar

No día de onte a dirección Técnica da Federación Galega de Atletismo daba a coñecer a relación de atletas convocadas/os para tomar parte ca Selección Galega no Campionato de España Sub16 en idade Escolar que se desenvolverá os vindeiros días 08 e 09 de outubro na capital navarra de Pamplona.

Unha selección con moita calidade de futuro

Na relación de atletas seleccionados destaca a presenza de varias das e dos medallistas dos últimos campionatos de España -tanto no de pista cuberta de Sabadell como no de Aire Libre de Avilés- entre os cales se atopan os actuáis campións nacionais Teo de Frutos do Lucus Caixa Rural Galega nos 3.000 m, Enzo López do A. D. Barbanza na xavelina e Celia Castro da Agrupación Atlética Mazí que tomará parte sobre a distancia dos 600 m.

De igual modo están nesa convocatoria oficial os tamén medallistas nacionais Marina Artemia da Sociedad Gimnástica en triplo; Mar Simón do Atletismo Femenino Celta no concurso de disco; Eloy Acuña da Gimnástica de Pontevedra e Gema Dacosta do Vila de Cangas en peso; Andrés González do Real Club Celta na proba de marcha; Daniel Salgueiro do Coruña Comarca nos 600 m.; Alex Sierpres da S. Atlética do Trega nos 1.500 obstáculos; Amparo Corredoira da Atlética Lucense nos 3.000 m., así como a medallista de bronce en combinadas Celia Fernández do Riazor Coruña quen foi seleccioada para a tomar parte na proba dos 100 valos.

Repiten convocatoria do ano pasado Teo de Frutos, Daniel Salgueiro, Amparo Corredoira e a xavelinista do Samertolameu Lara Iglesias.

En canto a os obxectivos marcados para a selección, estes pasan por acadar experiencias e aprendizaxes na alta competición e madurar no deportivo, intentando de igual modo, mellorar o quinto posto feminino e o sétimo masculino colleitados na edición do ano pasado en Cuenca.

 

Compartir: