I. Okutu, Gallego e Morales cabeza de cartel masculino do galego absoluto

Elviña prepárase para dar acollida este sábado á máis importante cita anual do atletismo galego no que será a disputa do Campionato de Galicia Absoluto de Aire Libre que contará ca presenza de importantes figuras autonómicas e que servirá para dar o último adeus a quen fora Presidente da FGA durante máis de 25 anos Sergio Vázquez.

Un cartel de importantes atletas

O plusmarquista Galego de lonxitude e olímpico Jean Marie Okutu estará tomando parte no concurso de lonxitude. Nun ano moi difícil para o de Marín, nas pistas universitarias estará recibindo todo o cariño e admiración dun público que a bo seguro estará entregado co marinense recoñecendo toda a súa traxectoria.

Victor Gallego da Gimnástica intentará agrandar a súa lenda que o convirten a día de hoxe nun dos máis queridos e o máis laudeado do atletismo galego cun total de… ¡¡33 títulos galegos!! . O capi da Gimnástica lanzará en peso e disco.

Outra das atraccións será poder ver en directo a presenza do tricampión mundial dos últimos mundiais de marcha máster en Tampere Juan Manuel Morales do Marineda Atlético quen estará competindo sobre os 5.000 marcha. Na actualidade, o internacional acumula un dos máis importantes palmarés deportivos do atletismo galego máster.

Repaso por modalidades

Comezando un repaso por sectores, na modalidade de velocidade Adrián Pérez do F.C. Barcelona, achégase cuns excelentes 10.56 que o colocan como claro favorito ao título. A pelexa estará nos postos de podio entre Martín Barcía, Javier Cancela, Sergio Rodriguez e Pablo Tomé todos eles na barreira dos 10.85 e os 10.88.

Nos 200 m. será moi interesante ver a disputa que manterán o recente bronce Sub20 nacional Roi Martínez do Celta  co plusmarquista galego Mauro Triana, en claro tránsito de especialidade, e onde Adrián Pérez aspira tamén a ampliar domios polo dobre hectómetro.

Nos 400 m. o campión de España Sub23 Jacobo Soler do Grupompleo Pamplona, parte como claro favorito na carreira dos 400 m. onde podería continuar ca súa espectacular progresión e entrar na barreira dos ¡46 segundos! e na que Jorge Román Leiros do Celta podería facer o propio ca dos 47

Jorge Puig do C.A.Santiago nos 800 m. con 1:51.58 e Pablo Bocelo da Gimnástica nos 1.500 m. con 3:46.74 parten como favoritos nas súas probas malia que seguiremos con especial atención as evolucións do bronce nacional Sub20 Hugo García do Celta sobre esta última distancia.

A tenor das marcas, dominio lucense tanto os 5.000 m. como os 3.000 obstáculos da man dos atletas do Lucus Caixa Rural Esteban Iglesia e Nicolás Arrojo quen parten como favoritos nestas carreiras.

Na distancia máis pequena dos valos, a ausencia do campión de España Sub20 Hugo Vázquez convirten a David Vicente do Playas de Castellón no claro favorito nunha carreira que encabeza cun rexistro de 14.57. Nos 400 valos será Iago Núñez do Celta quen asuma o papel de favorito malia que será a participación de  Mauro Triana, decidido a instalarse nesta distancia, quen máis expectación levante. Especial atención a Xabier Lires do Marineda Atlético quen acude ca segunda mellor marca dos participantes de 54.77.

Nos concursos David García do Millaraio con 1.87 m. sobre o listón de altura parace contar con certa ventaxa sobre Pablo Alonso do At. Santiago e Diego Ares do Ourense Atletismo, a dous e catro centímetros respectivamente do líder da proba.

Na lonxitude contaremos con toda e emoción dunha gran final na que dúas xeracións estarán ofrecendo espectáculo e rivalidade. Por unha banda a ofrecida polos célticos Sergio Coello quen acude con 7,29 m. e Raúl Cortizo con 7,28 m. e por outra a do xa citado Jean Marie Okutu, lenda presente do noso atletismo.

Tomás Vizcaino do Atletismo Sada acude con gañas de resarcirse da súa actuación no nacional Sub20 na pértega, e na que o sábado en Elviña, estará intentando superar ós 4.55 m. No triplo Diego Míguez, quen apenas un céntimetro apartara do podio no nacional Sub20, é outro dos sadenses que lidera unha proba a cuxo título tamén aspiran Xoel Otero do A.A. Mazí e o propio Raúl Cortizo do Celta.

No concurso de peso, as miradas estarán postas en Victor Gallego da Gimnática quen buscará un novo ano máis agrandar a súa lenda. Xunto él na loita polo ouro estarán Jaime Arias do Riazor Coruña no peso e Fran Gúzman do CAPEX en disco.

No círculo de martelo contaremos cunha interesantísima proba na que se darán cita o plusmarquista galego máster e líder autonómico absoluto, Ignacio Fernández do Playas de Jandía; o cuarto clasificado no nacional Sub23 Yago Araujo do Celta; Carlos Revuelta da Sociedad Gimnástica e o bronce nacional Sub20 Eric Méndez do Celta.

Na xavelina é o internacional e campión de España no ano 2013 Manuel Uriz quen lidere con claridade un grupo de lanzadores no que se atopa Jonathan Correa da Gimnástica con 62.39 m. e o campión de España Sub20 Pedro Fidaku Santos da Agrupación Viguesa no terceiro lugar con 59.74.

Xa por último nos relevos 4×100 tomarán parte o C.A Sada, C.A.Santiago, Marineda Atlético, Gimnástica de Pontevedra e Mochila del Deporte. De igual modo será a Agrupación Viguesa, C.A.Sada, Marineda Atlético, Riazor Coruña e Gimnástica de Pontevedra quenes estén intervindo sobre os 4×400 m.

Compartir: