Gran éxito dos e das Sub20 no nacional de Torrent do que se regresa con 13 metais

Exitazo deportivo o vivido polo atletismo galego durante a disputa esta fin de semana do Campionato de España Sub20

Unha importante representación de 42 atletas e un equipo de relevos achegábase ata as instalacións deportivas Parc Central de Torrent para tomar parte nesta edición da que se voltaba cun total de 13 medallas e 15 postos de finalistas. Este destacado éxito mellora moi notablemente as catro medallas do ano pasado o que confirma a esta nova xeración, como unha das máis esperanzadoras e talentosas do noso deporte.

Para comezar compre salientar o pleno acadado na modalidade de xavelina na que tanto Paula Piñón do A.F. Celta con 46.38 m. como Pedro Santos da Agrupación Viguesa con 62,50 m. acadaban os títulos de campións de España poñendo en valor o gran peso e importancia desta modalidade no noso atletismo.

Sen abandoar os lanzamentos, Eric Méndez do Celta lograba o metal de bronce en martelo logo de lanzar ata os 60,69 m. compartindo mesmo metal o coruñés do Atletismo Sada Nicolás Ortega quen en disco facía o propio con 48.94 m.

Na categoría femenina a ceense Xiana Lago do Ría Ferrol sumaba un novo metal nun nacional, desta vez prata, no concurso de peso no que lanzaba ata os 12.52 m.

Os valos deixábanos unha nova medalla de ouro da man de Hugo Vázquez do Marineda Atlético quen reafirmando a súa importante proxección, lograba parar o crono nun tempo oficial de 14.15

No sector de saltos Alba Cuns impuxo a súa autoridade nun foso de triplo onde calquera dos seus cinco saltos válidos foron superiores aos do resto, malia que foi o de 13.10 m. o que servía para afianzar esos 13.18 m. que ela mesma ten este ano e que sirven como mínima para os mundiais de Cali.

As carreiras de velocidade tamén depararon alegrías para o noso deporte da man da plusmarquista galega dos 400 m. María Fernández e de Roi Martínez do Real Club Celta nos 200 m. Ambos lograban nunhas traballadas finais, facerse cos metais de bronce logo de rematar con 56.31 e 21.83 respectivamente.

As carreiras de fondo seguindo ca súa tradición, tamén tiveron a súa recompensa en forma de medalla na que tanto Hugo García do Celta nos 1.500 m. con 3:49.99 como de Antía Castro do Ourense Atletismo nos 3.000 m. con 9:34.99, lograban facerse co terceiro escalón do podio nacional.

Como remate de todo este importante campionato compre citar os destacados resultados logrados nas probas de combinadas tanto por Aitor Fernández do Atletismo Narón con 6.285 puntos, como por parte de Lucía Sánchez del Valle da Atlética Lucense con 5.038 puntos quenes daban os dous último metais de bronce ao noso deporte e que viñan acompañados, no caso da internacional lucense, dun novo récord galego Sub20.

Para rematar, compre citar os postos de finalistas logrado por:

  • Cuartos postos para:  Isabel Caeiro (Gimnástica) 3.000 Obstáculos;  Pedro Vázquez (R.C.Celta) nos 3.000 m.; Antón Martínez (At. Lucense) 3.000 Obstáculos; Samuel Lema (At. Negreira) en peso e Nicolás Arias (UCAM Cartagena) en Decathlon
  • Quintos postos para: Mateo González (Ourense Atletismo) nos 100 m.; David Vicente (P. Castellón) nos 110 valos; Inés Docampo (ADAS CUPA) 1.500 m.; Lucía Varela (Lucus Caixa Rural) nos 3.000 Obstáculos e María Pena (A.F.Celta) en xavelina
  • Sextos postos para: Carlos López (Surco Lucerna) nos 1.500 m.
  • Sétimos postos para: Relevo masculino do C.A.Sada nos 4×100 m.
  • Oitavos postos paraMateo Rodríguez (R.C.Celta) nos 3.000 m.; Carmen Victoria González (S.Gimnástica) 800 m. e Paula Piñón (A.F.Celta) en disco

Foto: Ollodexan (Juan Manuel García Rei)

 

Compartir: