Fin de semana crave e decisivo para os intereses dos equipos galegos que toman parte na última xornada do Campionato Nacional de Liga tanto en División de Honra como de Primeira División.
Ría e Gimnástica, a ratificar o seu posto entre os mellores
No Campionato de División de Honra, todo a priori suma a favor para que o Ría na categoría femenina e a Sociedad Gimnástica na masculina, logren a súa permanencia un ano máis no máximo grupo do atletismo estatal.
O Ría Ferrol viaxa a terras donostiarras a un encontro octogonal no que parte na terceira posición con catro puntos. Por diante das departamentais tan só as formacións de Universidad de León e Atletismo Catalunya cos mesmo puntos, pero mellor coeficiente de postos, parten a priori como favoritas neste encontro. Talia Mara Pérez, Marta Pla, Paula González, Marina Bagur, Rocío Díaz, Diana Jiménez, Elena Llobera e a galega Diaou Diallo formarán parte importante da médula do conxunto vermello.
Na categoría masculina a Sociedad Gimnástica acude ao Polideportivo de Aluche en Madrid para competir nesta fase de permanencia onde comparte papel de favorito xunto ao Tenerife Cajacanarias a quen xa derrotara na última xornada disputada en Barcelona. A formación capitaneada polo seu gran capitán Victor Gallego, viaxa con moita confianza e con gañas de poñer un bo punto e peche a este campionato.
Oriol Madi, Iñaki Canal, Roberto Tello, Alberto Moral, Anxo Simón e os galegos Carlos Revuelta, Pablo Bocelo, Carlos Porto, Anxo Blanco e Daniel Chamosa entre outros, serán algúns dos encargados de apontoar a permanencia pontevedresa
Dous encontros moi distintos na Primera División
Tres equipos galegos compiten na terceira e última fase do Campionato Nacional de Liga de Primeira División con obxectivos moi distintos.
Na categoría masculina o Real Club Celta logo dun campionato moi destacado, volve estar novamente coma xa fixera o ano pasado, na loita pola ascenso directo nun octagonal que disputará en La Nucía. Os celestes, que parten de cuartos neste encontro, terán diante deles a importantes conxuntos como L´Hospitalet, Cornellá, Alcorcón e Elche quenes se perfilan como favoritos a cubrir unha desas dúas prazas que dan acceso á División de Honra. Malia elo, o equipo viaxa con moito optimismo e moitas gañas de competir na procura dese soñado ascenso e onde Pedro Vázquez, Hugo García, Sergio Coello, Miguel Granado, Yago Araujo, Javier García, Raúl Cortizo e Xoel Otero serán pezas fundamentais dese obxectivo.
Na categoría feminina Sociedad Gimnástica e Atletismo Feminino Celta terán en cambio, que pelexar por manter a categoría logo de que ambas formacións se presenten neste octogonal nos postos quinto e sexto respectivamente. As gimásticas que comezaron ben o campionato, complicáronse na segunda xornada na que tan só foron capaces de acadar un punto, o mesmo que as viguesas que tan só sumaron un punto nos dous encontros. A priori o máximo obxectivo será estar por diante dos equipos do CA Silla e Hinaco Monzón quenes ocupan as últimas prazas.
Para elo desprazarán ata o Estadio de Monzón a toda a artillería pesada á cabeza das cales se atopan as medallistas europeas Alice Finot do Celta e Antía Chamosa da Gimnástica. Xunto ás mesmas destaca a participación de María Carballido, Charlotte Elis, Carlota Salgado, Lisa Vosberg, Uxía Paz, Raquel Villa e Paula Piñón por parte do Atletismo Femenino Celta e de Lucía Ferrer, Isabel Caeiro, Andrea Villaverde, Claudia Puig e Andrea González por parte da Gimnástica de Pontevedra.
A terceira xornada disputarase a un atleta por proba e un equipo nas substitucións. Nesta última xornada os clubs obterán de 8 a 1 puntos en función da súa clasificación nesta terceira xornada que, sumados aos puntos obtidos nas dúas primeiras xornadas determinarán a clasificación final no Campionato de España de Clubs.
Na División de Honra o primeiro clasificado da global será o Campión de Liga, e na Primeira División o gañador xunto co segundo clasificado ascende á División de Honra.
Os Clubs clasificados nos postos 7º e 8º nos encontros de permanencia descenden de categoría.