Resultados

Aldara e Xela lucíronse no Galego Sub18 patrocinado pola Deputación de Pontevedra

Importante xornada deportiva a vivida esta fin de semana no CGTD de Pontevedra durante a disputa do Campionato de Galicia Individual e de combinadas Sub18 patrocinado pola Deputación de Pontevedra

Entre os resultados salientables que se produciron está novamente o logrado por Xela Martínez da Atlética Lucense, quen fixo valer todos os pronósticos ao gañar comodamente a proba e ao mesmo tempo, rebaixar en máis de cinco segundos o récord galego para deixalo finalmente en 6:52.40 cos que encabeza o ranking nacional.

Outro dos récords galegos estabrecidos viría da tamén lucense Aldara Meilán sobre a proba dos 5.000 marcha logo de rematar cun excelente rexistro de 23:12.68 que a colocan ao fronte da ranking nacional.

Do resto de actuacións salientar nas carreiras os triunfo de Alicia Barreiro do RIA Ferrol sobre os 400 m. cun excelente crono de 57.91. Fabián Vidal da Atlética Barbanza pola súa contra, domiñaba a velocidade vencendo tanto nos 100 m. como na dos 400 m., distancia esta última na que lograba un destacado rexistro de 50.13. Nos valos sería Simón Rodríguez do Riazor Coruña quen remataba a proba dos 400 valos en 57.18 logrando entrar en zona top10 do ranking nacional.

Nos saltos, excelente campionato para a perteguista do A.F. Celta Lisa Vosberg quen voaba sobre os 3.50 m. no concurso de pértega. Novamente  Xoel Otero do Mazí daba mostras da súa calidade, logrando no seu quinto intento no concurso de triplo uns salientables 13.99 m.

Nos lanzamentos destacaron os rexistros logrados por Blanca Pereira do Ourense Atletismo que mandaba o martelo ata os 63.25 m. (MMT). Fernando Vallines do Maderas Barcía Lourenzá pola súa banda, demostraba o seu bo estado de forma no círculo de peso onde lograba chegar ata os 15.27 m.

Un galego de combinadas moi axustado

Intenso e emocioante resultou ser o campionato de Combinadas masculino. Durante todas as probas se mantivo un interesantísimo man a man entre Matías Moldes da Gimnástica de Pontevedra e Bran Núñez do Atletismo Morrazo, atleta este último que finalmente lograba o título con 5.542 p. por tan só catro puntos de diferencia con respecto ao gimnástico. Nas mulleres o campionato foi para Diana Mosquera de A Silva con 3.002 puntos

 

 

 

Compartir: