A selección galega de Trail Runing debutaba esta fin de semana no Campionato de España por Federacións Autonómicas que se levou a cabo na localidade barcelonesa de Berga.
O conxunto galego acudía á cita con moita ilusión pero sobre todo con moitas ganas de tomar parte nesta modalidade que aos poucos está a gañar mais enteiros entre o noso atletismo.
Nun circuíto duro e esixente, os dous equipos masculinos e femininos integrados por un total de doce atletas, completaban os practicamente 30 km cun desnivel acumulado de 1760 m. xunto á o resto de seleccións autonómicas con máis experiencia e edicións de participación. A pesar diso, os compoñentes da selección conseguiron acabar dunha maneira moi digna esta difícil proba onde o equipo femenino lograba a décima posión da xeral con Beatriz Barroso como mellor galega no posto trixésimo terceiro con tempo de 3h.23:02. Por parte dos homes o mellor dos galegos foi Carlos Lorenzo quen completaba a carreira no posto trixésimo cun tempo oficial de 2h39.37, logrando o combinado autonómico por equipos o posto décimo primeiro.
Con esta participación a Seleccion de Trail súmase ás de Campo a Través, Marcha, Pista, Probas Combinadas e Escolar cas que conta na actualidade o noso deporte.