O atletismo galego medra en número de clubs e atletas

Son moitos os clubs galegos que nos últimos anos se están a ver na obriga de colgar o cartel de ¨non hai prazas dispoñibles¨ como consecuencia da gran demanda existente principalmente nas categorías base e máster.

Este importante incremento de licenzas vense producindo de maneira moi significativa nos últimos cinco anos, malia que sería a partir do ano 2009 cando daba comezo esta progresión que fixo que se pechara o ano 2021 cun récord histórico de 10.142 licenzas (4.506 mulleres e 5.636 homes).

Todo este medre obrigou a un considerable incremento de recursos e medios que trouxo consigo a lóxica aparición dun importante número de novos clubs cuxa tarefa consistiría, ademáis da promoción e dinamización, na  atención e acollida de todas esas novas solicitudes. Producto de todo elo, foi o espectacular medre no estamento de clubs cuxo número na tempada do 2021 pasaba xa das 150 entidades.

O incremento tanto do número de atletas como de clubs, evidencia un salientable grao de evolución do atletismo galego que consigue con estos índices que o 75% da poboación galega teña polo menos un club de atletismo no seu Concello de residencia. É de salientar o avance producido nos últimos anos xa que tan só no ano 2018 a cifra era dun 65%, dez puntos menos.

A importancia do pedestrismo

Capítulo especial merece o apartado do podestrismo xa que o auxe desta modalidade na nosa comunidade, (cabe reseñar que de media nos últimos anos se están a producir un total de  65.000 licenzas de día) está favorecendo que se produza un importante e interesante ¨movemento¨ dos seus practicantes que nun porcentaxe destacado, mudan a súa condición de popular pola de atleta federado na procura de ampliar a oferta competitiva e poder tomar parte nas probas federadas de campo a través, trail ou pista.

En cifras, o maior número de altas rexistradas no 2021 corresponderon á categoría máster con 1.911 fichas tramitadas sendo a Sub10 con 1.444 quen ocupa o segundo lugar da relación. Pola súa contra a categoría Sub23 con 268 é a que representa un menor medre do número de licenzas.

Compartir: