O pasado día 20 o Consello Superior de Deportes, fallaba os premios Nacionais do Deporte correspondentes a edición do ano 2019.
Estes galardóns, que convoca anualmente o CSD, teñen como fin facer expreso recoñecemento das persoas e entidades que, ben pola súa directa actividade ou iniciativa persoal, ben como partícipes no desenvolvemento da política deportiva, contribuíron en forma destacada a impulsar ou difundir a actividade físico-deportiva.
Nos mesmos estivo representado o atletismo galego da man da lucense Adi Iglesias Forneiro quen recibiu o Premio Rei Juan Carlos polos méritos contraídos así como polos ¨ resultados obtidos durante o ano que tiveran suposto a revelación máis significativa do panorama deportivo¨
Lembramos que o ano 2019 sería o ano do seu despegue a nivel internacional logrando dúas medallas de prata nas distancias dos 100 e dos 200 m. nos Campionatos Paramundiais desenvoltos en Dubai. A maiores lograba impoñerse no Campionato de Galicia Absoluto sobre as mesmas distancias logrando ese mesmo ano o récord galego absoluto dos 200 m. cun rexistro 24.31.
2021, o seu gran ano
Con posterioridade, a súa gran consagración prodúxose no pasado ano 2021 durante a celebración dos Xogos Paralímpicos nos que a atleta do Lucus Caixa Rural Galega facía historia para o noso deporte. Nesa inesquecible edición olímpica quixo engadir ao bronce logrado por Ana Peleteiro semanas antes, dous novos metais máis que sumar ao simbólico ano do Centenario da creación da Federación Galega de Atletismo. En concreto gañaba o primeiro ouro do noso deporte nunha cita paralímpica sobre a distancia dos 100 m. (na categoría visual T13) áo que se lle sumaba outra non menos marabillosa e extraordinaria medalla de prata desta vez sobre os 400 m.