Posto finalista para Ana Peleteiro no mundial de Belgrado

Remata o Campionato do Mundo de pista cuberta celebrado en Belgrado no que a nivel xeral o atletismo español logra un meritorio balance de dúas medallas e un amplo número de finalistas que a colocan na élite mundial por paises.

En canto a representación galega Ana Peleteiro lograba no concurso de triplo posición finalista cun mellor salto de 14.30 m. que lle daban o oitava posición.

Malia que non puido revalidar a medalla de bronce da última edición de Birmingham-18, saltaría no seu concurso en tres ocasións por encima dos 14 metros logrando por elo unha mellor marca da tempada, o que pon de manifesto a súa excelente capacidade competitiva.

A medallista olímpica de Ribeira, comezaba no seu primeiro intento cuns esperanzadores 14,30 m. para continuar con 14.08 m., e un nulo no seu terceiro. Xa nos saltos de mellora abría con 14.25 m., para seguir cun novo nulo no seu quinto e un de 13.60 m. no seu sexto salto co que poñía punto e peche a súa participación mundialista.

Como dato salientable, destacar que a proba foi gañada pola principal favorita, a venezolana Yulimar Rojas quen estableceu un novo récord mundial cuns fabulosos 15.74.

Compartir: