Dúas medallas para as nosas nas citas nacionais da fin de semana

Esta pasada fin de semana celebráronse dúas importantes citas de rango estatal ás cales acudían unha nutrida representación de atletas galegas e galegos

Para comezar, Motril daba acollida ao Campionato de España de lanzamentos longos no que o máis salientable foi a medalla de bronce lograda por Lidia Parada con concurso de xavelina logo de lanzar no seu único lanzamento válido ata os 49.42 m. A proba foi gañada pola cubana afincada en Galicia Yulenmis Aguilar con 55.53 m. logrando postos de finalista Carmen Sánchez, cuarta con 47.13 e Paula Piñón do A.F. Celta, oitava con 40.08 m.

No resto de lanzamentos tamén lograban postos de finalistas Irene Gómez en martelo cunha excelente quinta posición de 59.27 m. así como o oitavo posto de Yago Araujo do Real Club Celta en martelo con 59.95 m.

Campionato de España Sub23

Si Motril acollía o nacional de lanzamentos longos, a pista cuberta ¨Carlos Gil¨ de Salamanca recibía aos participantes que tomaron parte durante o sábado e domingo no Campionato de España Sub23 indoor.

Nesta cita foi novamente Eva Queimaño, nas filas do conxunto gipuzkoano do Super Amara BAT, quen lograba convertirse na protagonista ao rematar o concurso de combinadas cunha puntuación total de 3.757 puntos, o que lle servían para acadar o título de campioa de España Sub23. Por si fora pouco, esta marca representa un novo récord galego absoluto e Sub23 que abren as portas a súa merecida internacionalidade.

De igual modo compre salientar as actuacións de Victor Mosteiro do Real Club Celta quen accedía a final B dos 200 m. rematando a mesma con 22.05. Seguindo ca velocidade, excelente sexta posición na final dos 60 m. para a gimnástica Cristina Garrido quen marcha de Salamanca cunha MMP de 7.67

No medio fondo e fondo, cuarta posición para o debutante da categoría Sub23 Mehdhi El Nabaoui o cal lograba un meritorio cuarto posto nos 3.000 m. con 8:19.15. Mesma posición na final dos 1.500 m. para María Cedrón do ADAS CUPA que lograba ocupar postos importantes grazas aos seus 4:39.75 acreditados. Nesta mesma final, novena posición para a viguesa Ruth Carrera  con 4:55.90. Iago Jopia do Coruña Comarca pola súa banda, entraba a final dos 1.500 m. que remataba 4:05.49.

Outra das destacadas foi a subcampioa galega Raquel Meaños quen tomando parte na final dos 800 m. rematábaa con 2:08.33 nunha boa cuarta posición

No sector de concursos o subcampión galego absoluto Sergio Coello do Celta, lograba o sexto lugar no foso de lonxitude con 7.11 m. efectuado no seu primeiro salto. Un posto máis arriba quedaba o venezolano con ficha galega polo Celta, Miguel Angel Granado en peso con 15.09 m. (MMP).

Nos saltos excelentes campionatos os desenvoltos tanto por Andrea Villaverde da Gimnástica no foso de lonxitude onde chegaba ata os 5.70 m. que lle reportaban unha meritoria quinta posición, como os 11.90 m. no triplo de Ariadna Gil do Vila de Cangas cos cales lograba posto de finalista ao rematar na sexta posición.

Compartir: