Máis de medio milleiro de atletas das categorías Sub18 e Sub20 estarán tomando parte durante toda esta fin de semana na disputa dos seus respectivos campionatos de Galicia que terán en Expourense o seu punto de celebración.
O sábado estará reservado íntegramente para a categoría Sub18 que contará cun total de 320 atletas cuxa competición arrincará a partires das 10.30 horas. Nesta categoría salienta a presenza da biplusmarquista nacional de pista cuberta Xela Martínez da Atlética Lucense quen tomará parte na proba dos 1.500 m. Lembramos que a lucense posúe o récord nacional tanto nos 1.500 m. como nos 3.000 m.
Lisa Vosberg do A.F.Celta, que ven de saltar recentemente en Braga ata os 3.55 m. en pértega (RG Sub18 indoor), será outra das importantes atraccións no autómico desta categoría. Xunto a campioa galega absoluta estará tamén sobre a colchoneta de pértega Manuela Blanco do Ourense Atletismo, quen xa fora finalista no pasado nacional Sub16.
Nas probas de velocidade atención novamente a reedición da final nos 60 m. do galego absoluto entre Ainhoa Reparaz do Val Miñor e Antía Pernas do Lucus Caixa Rural. Tampouco quitaremos ollo á campioa galega absoluta de altura Enma Sihunag Pérez quen parte como clara favorita ao título autonónmico ao igual que Alicia Barreiro do Ría Ferrol sobre os 400 m.
No sector de lanzamentos a campioa de España de martelo Blanca Pereira do Ourense Atletismo así como a especialista en combinadas Carlota Salgado do Celta, estarán tomando parte no concurso de peso.
Xa na xornada do domingo e tamén a partires das 10.30 h. está previsto que un total de 187 atletas Sub20 den comezo o seu campionato autonómico.
No mesmo estarán tomando parte un importante número de atletas finalistas e medallistas en campionatos nacionais entre os cales destaca a presenza da campioa de España Sub18 do ano pasado e campioa galega indoor Alba Cuns como un dos principais puntos de atención. Xunto ela estarán outras dúas claras aspirantes ao título como son Xiana Lago do Ría Ferrol en peso e a especialista en combinadas Lucía Sánchez del Valle da Atlética Lucense quen estará tomando parte sobre os valos e o concurso de altura
Na categoría masculina, un dos homes que está revitalizando a nivel galego a proba dos 400 m. Jorge Román Leiros, intentará mellorar os 48.92 que lle daban recentemente o título de subcampión galego absoluto. O atleta do Celta tomará parte tamén sobre os 200 m. Pola sá banda nos valos, o finalista nacional do Marineda Hugo Vázquez ten confirmada a súa participación sobre esta distancia ao igual que o tamén finalista Roi Martínez do Celta tanto nos 60 m.como nos 200 m.
Paralelamente tamén poderemos presenciar durante a fin de semana a disputa do Campionato de Galicia de probas combinadas Sub18 e Sub20 na que entre a relación de inscritos figura a presenza destacada do campión galego absoluto de combinadas no 2020 Nicolás Arias do UCAM-Cartagena na Sub20.
Na Sub18 agárdase unha moi emocionante disputa entre Matías Moldes da Gimnástica e Bran Núñez do Morrazo separados apenas por 43 puntos nos seus rexistros.
Foto. Fotocarlosgrafias