Esta fin de semana as pistas pontevedresas do CGTD darán acollida a disputa do Campionato de Galicia en Marcha de aire libre á que acuden a tomar parte un total de 126 marchadores e marchadoras de toda a nosa Comunidade.
Entre a relación de inscritas destaca a participación da atleta internacional, bronce no europeo Sub23 e campioa de España Absoluta de marcha en pista, Antía Chamosa da Gimnástica de Pontevedra, quen parte como clara favorita a revalidar o seu título autonómico. A tamén marchadora internacional Carmen Escaríz do Ourense Atletismo, será outra das serias aspirantes a ocupar postos de podio sobre a proba absoluta dos 5.000 marcha.
Na categoría masculina o campión de Europa máster e campión de España na mesma categoría Juan Manuel Morales do Marineda Atlético, asume a condición de favorito ao título que xa lograra o ano pasado no mesmo escenario, ante a notable ausencia de Daniel Chamosa.
No resto de categorías poderemos presenciar a participación de varios dos campións e campioas de Galicia do ano pasado entre os cales se atopan Ismael Díaz do C.A.Sada, Pablo Sánchez da Atlética Lucense, Andrés González do Real Club Celta, Anxo Jamardo da Sociedad Gimnástica e Antón Díaz do Atletismo Narón na categoría masculina. Na feminina de igual modo estarán intentando revalidar o título do 2020 Iria Rivas do Ría Ferrol, Oleksandra Kostenko da Atlética Lucense, Sabela Castelo do Vila de Cangas e Lola López do Ourense Atletismo.
Na categoría máster por último, especial atención a presenza tanto de Manuel Polo do Atletismo Narón como de Emilia Rodríguez do Trega, medallistas en ambos casos de varios campionatos nacionais nas súas respectivas categorías.