A Federación Galega de Atletismo apela á colaboración entre as diferentes administracións, Concello, Deputación e Xunta para levar a cabo as melloras necesarias para que se poida proceder á homologación das Pistas de Atletismo Saleta Fernández en Monforte, que será debatida no pleno do vindeiro luns trala moción presentada polos populares monfortinos.
O Vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Suso Vázquez, destaca que “pode ser un importante paso adiante para o Atletismo no sur da provincia de Lugo tanto a nivel de crecemento deportivo como no relativo ao desenvolvemento económico e turístico da zona, como motor económico da Ribeira Sacra. Dende a FGA ofrecemos a nosa colaboración e mediación no que sexa preciso entre as institucións para dar os pasos adiante necesarios para lograr a homologación, para a que hai un informe técnico elaborado polos xuíces da RFEA”
Vázquez salientou que “a nosa relación é fluida tanto co equipo de goberno liderado polo Alcalde, José Tomé como cos outros partidos que forman parte da corporación, polo que dende o consenso, temos que tentar sacar a situación adiante. Poñémonos a disposición do Concello a nivel técnico para colaborar en todo o que precise”
Moción en Monforte
A portavoz popular en Monfore, Katy Varela, lembra que o estadio municipal da Pinguela posúe pistas de atletismo, ás que recentemente se deu o nome da atleta monfortina Saleta Fernández López. Explica que “estas instalacións non están homologadas segundo o esixido pola Real Federación Española de Atletismo, polo cal non é posible celebrar nelas competicións”. Varela indica que “a Federación Galega de Atletismo esixe que as instalacións deportivas para este deporte conten cun certificado emitido por este organismo, o cal estipula que condiciones debe cumprir as instalacións para obter ese certificado e así celebrar competicións”.
Este vindeiro luns, o pleno de Monforte de Lemos debatirá a moción para ver as posibilidades de homologación das Pistas.