A Federación Galega de Atletismo continúa coa súa intensa folla de ruta para desenvolver o Plan Estratéxico do Atletismo Galego, anunciando neste caso o Plan de Implantación e Desenvolvemento do Atletismo nos concellos galegos.
Deste xeito, o ente federativo porase en contacto cos 313 concellos da xeografía galega de maneira progresiva en catro fases, por provincias, comezando pola provincia de Lugo.
As fases desenvolveranse do seguinte xeito:
- Fase 1: Lugo
- Fase 2: Ourense
- Fase 3: Pontevedra
- Fase 4: A Coruña
A misiva enviada ás institucións municipais aborda varias liñas de acción:
- A axuda /asesoramento na creación da actividade de Atletismo, así como a posibilidade de colaboración por parte das nosas delegacións e da Dirección Técnica, en todo aquelo que sexa preciso.
- Promover a creación de escolas deportivas ou clubes. ou outro tipo de entidades de Atletismo de cara a chegar a maior parte posible da poboación.
- O desenvolvemento de accións para a promoción do Atletismo como poden ser xornadas, campus ou clínics, entre outras accións.
- A posibilidade de construción de módulos descubertos homologados, dacordo aos proxectos elaborados e facilitados pola Federación Galega de Atletismo, de cara a dotar de recursos aos atletas nos diferentes municipios e comarcas.
Deste xeito, en función dos plantexamentos duns ou outros concellos, derivaranse ao departamento oportuno da Federación para dar a mellor resposta posible e continuar co medre ao longo do territorio.
O Vicepresidente, Suso Vázquez salientou “na provincia de Lugo estamos dando pasos importantes na Mariña onde cremos que se vai a aumentar a práctica en varios concellos, na Terra Chá tamén especialmente a través das escolas deportivas ao igual que na comarca de Lemos, onde traballamos para lograr avances coa situación das pistas. En Lugo, varios colexios e algún clube doutros deportes, vai apostar polo atletismo, mentres que noutras comarcas como A Ulloa ou A Montaña, temos que buscar plantexamentos, aínda que debido á dispersión xeográfica é máis complexo “, concluiu.