Protagonismo para os Sub20 e os máster por clubs nos seus nacionais

Continuamos cas distintas citas nacionais do noso deporte, sendo esta fin de semana os protagonistas os atletas Sub20 e os clubs que toman parte no Campionato Nacional de equipos Máster de Primeira e Segunda división.

Ao nacional Sub20 que se disputa na cidade oscense en Monzón durante sábado e domingo, acuden un total de vintecatro atletas das dúas categorías que competirán en xornadas de mañá e tarde nunha cita que como ven sendo habitual será retransmitida en directo a través a plataforma LaLigaSportsTV

Do total de atletas que acuden destacan por rexistro e ranking a participación de Paula de la Torre da Gimnástica que nunha fantástica progresión sobre a proba dos 1.500 m. estará na saída da mesma  disputando os postos de honra en todo un nacional.

O internacional e campión de España Sub20 de 5.000 m. deste ano El Medih El Naboaui estará tomando parte na proba dos 3.000 m. O de A Estrada, malia contar con poucas carreiras este ano, sempre representa unha das claras apostas ao título.

Nos valos a campiona nacional Sub16 e debutante nesta categoría, Belén García do ADAS Proinor, perfílase como unha das aspirantes ao podio grazas aos seus 1:01.63 logrados en O Barco a mediados de abril

Continuando cos lanzamentos, novamente a internacional e campioa de España Irene Gómez parte como a clara favorita para acadar o título de campiona nacional en martelo nun ano de clara e importante progresión que a farían pasar da barreira dos sesenta metros por dazasete centímetros. No círculo de peso, o atleta venezolano con ficha galega polo Celta Miguel Angel Granado, acude cunha das mellores marcas dos participantes de 16.17 m. que o sitúan  nos postos importantes do concurso.

Sen abandoar os lanzamentos Paula Piñón do A.F. Celta figura inscrita en nada menos que en peso, disco e xavelina, sendo nesta última na que xunto a tamén celeste María Pena, estarán ambas na loita polos postos de parte alta da clasificación.

Para rematar, a marcha volverá ser o centro de atención ca presenza dos campións galegos Sub20 Roi Surribas da Gimnástica e Alba Pérez do Atletismo Negreira cuxos rexistros colócannos nos postos destacados da proba dos 10.000 m.

Samertolomeu, C.A.Sada e C.A.Narón, serán os nosos e representantes no nacional de clubs máster

O fin de semana tamén terá tempo para acoller a celebración tanto do Campionato de España Máster por clubs de primeira división como de segunda na que  contamos con representación galega.

En concreto en la Nucía estarán os equipos femininos do Samertolameu e do C.A.Sada competindo nesta máxima categoría logo do seu recente encontro no Campionato de Galicia da que sairían gañadoras as moañesas.

Ambas entidades intentarán reter e mesmo pelexar por un bo posto,  nunha cita na que o ano  pasado non se disputaba e na que o Samertolomeu no ano 2019 remataba de sétimo no seu encontro de Primeira e o Sada lograba o ascenso ca súa victoria no seu encontro de segunda.

Pola súa banda o equipo maculino do Atletismo Narón estará en Zaragoza tomando parte no Campionato nacional de segunda división na disputa por un dos primeiros postos que dan acceso á máxima categoría.

 

Compartir: