Resultados

O atletismo galego saca músculo no nacional absoluto

Un total de cinco medallas, dazanove postos de finalistas e tres récords galegos, é o extraordinario balance das atletas galegas e galegos que acudiron esta fin de semana a Xetafe a tomar parte no Campionato de España Absoluto.

As medallas de ouro viron da man de tres mulleres galegas que revolucionarían  o campionato de España de Xetafe. Leticia Gil, no mellor nivel medio da historia no salto de lonxitude, interpretou á perfección o salto soñado logrando no seu sexto intento os 6,69 metros, sen apenas vento, pulverizando o récord de Galicia e dobregando á gran favorita, a valenciana Fátima Diame, por un decisivo centímetro.

Pola súa banda, Belén Toimil deixou constancia desde o primeiro intento da súa enorme superioridade, xa que lanzou a bóla ata 18,52, mellor marca española de aire libre de todos os tempos. O seu liderado español nesta disciplina é indiscutible, xa que a segunda clasificada, a murciana Úrsula Ruíz, quedou a máis de 2 metros (16.31 metros).

Ana Peleteiro tomaba parte neste campionato como un dos últimos grandes test previos aos xogos de Tokio. A de Riveira moi centrada, saltaba nun concurso moi regular na que se tivo que agardar ata o sexto intento para contemplar a súa mellor versión de 14.61 m. o que representan unha MMT que deixan excelentes sensacións cara a cita olímpica.

O cuarto ouro foi para un formidable Adrián Ben quen se achegaba ata Getafe nun momento de forma físico e mental formidable. O obxectivo do lucense pasaba por certificar a súa presenza olímpica en Tokio, nunha carreira de 800 m. na que cumpliría a perfección co seu papel de aspirante ao título. O seu crono de 1:47.07 tiñan dobre valor: título de campión de España e pasaporte a Tokio

Sen abandonar os fosos, o olímpico e seis veces campión de España ao aire libre Jean Marie Okutu novamente deixaba constancia da súa enorme calidade e excelente regularidade, logrando un bronce moi disputado con 7,74 m. que ben puido ser ouro xa que un longo primeiro salto por encima dos 8 metros sería nulo por moi pouco.

O segundo bronce foi para a lanzadora de xavelina Menchu Sánchez quen tomaba a ¨responsabilidade¨ logo da ausencia de Lidia Parada por lesión, de defender o podio galego nun nacional da modalidade. A lanzadora asturiana de nacemento, pero galega de formación lograba no seu primeiro e único lanzamento válido chegar ata os 47.81m. que lle servirían para lograr o bronce.

Seguindo ca velocidade e nos 100 m. masculinos, salientables tanto a participación de Chihu García do Real Club Celta como Mauro Triana do Playas de Castellón marcando nas semis idénticos rexistros de 10,50 pero que tan só permitiron ao plusmarquista gelego o pase á final. Xa na mesma, o coruñés lograba a súa MMT con 10,48 e o sétimo posto da proba, completando o campionato cos  21.74 nas seminifinais dos 200 e a súa participación nos relevos dos 4×100 co Playas de Castellón na que resultarían descualificados. Pedro Juncal do Celta quen tomaba parte nos 200 m. rexistraba 22.01 alonxados dos 21.56 que marcara nas Series Municipais de Vigo no mes de maio.

Na categoría femenina saltaba a excelente nova da marca de Adi Iglesias onde na semifinal dos 100 m. lograba establecer un novo récord galego absoluto con 11.83 que ata entón estaba en posesión de Ana Peleteiro. Con este marcón a campioa mundial paralímpica perfílase como unha moi seria candidata ao título paralímpico de Tokio. A maiores, Adi lograba a súa segunda mellor marca do ano nas semifinais dos 200 m. con 24.62 pero con preto de tres metros por segundo de vento en contra, o que pon de manifesto o excelente estado de forma da lucense.

Os dous atletas encargados de dinamizar este ano a proba dos 400 m.  Pedro Juncal do Celta e Pedro Soler do Rías Baixas, saltaban ao tartán madrileño a tomar parte nunhas semifinais onde o céltico marcaba 47.52 polos 48.10 do segundo.

Nos 800 m. Elian Numa do Coruña Comarca quedaba ás portas dunha final con 1:50.20 na que si entrou o atleta do Ría Pedro Osorio recén chegado de EE.UU para lograr na final a súa segunda mellor marca do ano con 1:48.80 e un importante sexto posto.

Cara e cruz nos 1.500 na que non tivo o seu día Carlos Porto da Gimnástica quen remataba no último lugar a súa semifinal nos 1.500 m. un tempo de 4:02.25. Pola súa banda Laura Santos do Lucus Caixa Rural clasificábase para a final por tempos con 4:29.90 logrando na mesma a décima segunda posición.

Nos 400 valos Lucía Ribadulla lograba a sexta posición nas semis correndondo moi ben e logrando a segunda MMT con 1:01.38. Menos sorte tiveron Belén García do ADAS Proinor quen remataba oitava  con 1:05.15 e o lucense do Lucus Miguel Pérez quen facía o propio na súa serie dos 110 v. con 15.72

Nutrida presenza galega no concurso de martelo con nada menos que catro participantes. O internacional e campión de España en 2011 Isaac Vicente lograba a quinta posición con 63,25 (MMT) sendo sétimo Carlos Revuelta con 62,68 m. e oitavo con 61,28 m. un sensacional Sub23 Yago Araujo do Real Club Celta. Mesmo posto de finalista no sexto lugar, para a internacional Irene Gómez con 54.91 m.

No concurso de xavelina, 12º posto con 62.38 m. para o internacional e campión de España absoluto no ano 2013, Manuel Uríz quen reaparecía este ano logo de innumerables problemas físicos.

No triplo extraordinario comportamento da campioa de España Sub18 en pista cuberta Alba Cuns logrando un sétimo posto con 12.72 m. e situándose na elite nacional do concurso. Na mesma proba, Alex Barreiro do Lugo Runing accedía á mellora  nunha proba  moi irregular na que só faría dous saltos válidos o último dos cales lle daba a novena posición e a súa segunda MMT de 15.16 m. Sen abandonar os fosos, bo campionato da venezolana con ficha galega Nediam Vargas establecendo unha MMP na loxitude con 6.01 m.

Na marcha excelente comportamento de Carmen Escaríz do Ourense Atletismo, quen malia competir con problemas físicos, confirmaba a súa progresión logrando a quinta praza con 48:30.80. Pola súa banda outra das boas novas viría da man de Dani Chamosa da Gimnástica, logrando a novena posición e un un novo récord galego absoluto con 41:33.27 que rebaixan en nada menos que en dazanove segundos o anterior rexistro de Jorge Silva do ano 2004

No sector de combinadas traballado sétimo lugar de Eva Queimaño con 4.830 puntos e na que a súa proba forte volvían ser os 100 valos con 15.06. Na categoría masculina o venezolano do Atletismo Narón con ficha galega Gerson Vidal Izaguirre, lograba un extraordinario terceiro lugar con 7.461 puntos

Por último, nas probas de relevos quinto lugar para o RIA Ferrol nos 4×400 femininos con 3:44.78, sendo o equipo masculino da Gimnástica de Pontevedra sextos con 3:15.24 e cuartos nun accidentado 4×100 con 41.99.

Compartir: