O campionato nacional de Liga chega esta fin de semana ao seu último encontro con equipos galegos pelexando en distintos frontes e onde a emoción, a incertidume e a ilusión irán da man dunhas xornadas moi intensas.
Na máxima categoría nacional a Sociedad Gimnástica de Pontevedra en homes, con pé e medio na permanencia, e o Ría Ferrol en mulleres, acostumado a grandes encontros nos momentos decisivos, serán os dous equipos galegos que loiten pola permanencia.
Os pontevedreses disputarán o seu encontro nas pistas madrileñas do Marathon cunha cómoda puntuación de catro puntos xunto a o Surco Lucena e ao Tenerife Cajacanarias que tamén comparten a mesma puntuación. Xunto eles estarán no octagonal o Atletismo Catalunya, Grupompleo Pamplona, L´Hospitalet e o Atletismo Intec, ambos con dous puntos.
Pola súa banda o Ría Ferrol viaxará ata terras vallisoletanas para apuntalar unha tempada máis a súa permanencia na División de Honra feminina. Para elo tan só deberá gañar a dous dos seus rivais sendo a priori tanto o conxunto local do Valladolid como o Marathon e o Atletismo Catalunya os equipos directos a batir polas departamentais que acuden a este decisivo encontro cun total de tres puntos.
Na primeira división o foco principal de atención vai estar en La Nucía onde o Real Club Celta logo de gañar todos os seus encontros este ano, parte con moitas opcións de voltar á máxima categoría do atletismo nacional. Para elo terá que ocupar un dos dous primeiros postos do seu octagonal que o levarán a medirse con Alcorcón, Cornella, Bahía de Algeciras, CAPEX, Super Amara BAT, UCAM-Cartagena e C.A. Safor
O equipo femenino da Sociedad Gimnástica é outro dos nosos representantes nesta categoría na que merecidamente ocupan un posto na fase de loita polo título. Sen renunciar a nada, as pontevedresas poñerán en valor a súa competitividade en La Nucía fronte aos potentes equipos de Tenerife Cajacanarias, Juventud Atlética de Elche, A. Alcorcón, Piélagos, Oviedo A.D. Sprint e Cornella A.
Pola súa banda o Atletismo Femenino Celta intentará escorrentar o infortunio nesta última fase do grupo de permanencia onde as viguesas teñen calidade para estar na pelexa polos postos de honra deste octagonal que se desenvolverá en Huesca. Mediranse ao conxunto local do Hinaco Monzón, así como ao Bidezabal, Bahía de Algeciras, C.A.Silla, UCAM-Cartagena, Lleida A., e A.D. Gijón Atletismo.
Segunda División
Na segunda división tamén contaremos con representación galega. Na fase A que se diputa en Madrid, e onde se loitan as prazas polo ascenso a Primeira División, estarán tomando parte o Club Atletismo Narón e o Atletismo Santiago. Os naroneses intentarán voltar a categoría que perderan fai dúas tempadas, sendo o obxectivo dos santiagueses continuar rachando topes dunha entidade con apenas nove anos de existencia.
Na categoría feminina será o ADAS Proinor quen viaxará ata Soria para tomar parte nesta fase de ascenso. O obxectivo das barquensas será estar na zona media de táboa clasificatoria, e intentar mellorar o quinto posto que por dúas ocasións lograrían nesta fase.
Pola súa banda ata Gijón acudirán o Club tletismo Sada e o Lucus Caixa Rural Galega na categoria masculina así como o Atletismo Narón na feminina para participar na Final B1 deste campionato.
Foto de portada: Facebook R.C.Celta (Gus Juncal)