Excelente xornada atlética a vivida no día de onte nas pistas do CGTD de Pontevedra, onde o tempo, a gran participación e as boas marcas marcaron a intensa xornada.
No Campionato de Galicia de medio fondo e fondo para as categorías Sub16 e Sub18, producíronse excelentes resultados como o realizado nos 600 m. Sub16 polo atleta do Coruña Comarca Daniel Salgueiro quen pararía o reloxo en 1:27.97. Celia Castro do Mazí pola súa banda facía o propio na categoría feminina cun tamén salientable crono de 1:40.09.
Os 1.000 m. depararon un dos momentos do campionato xa que novamente Xela Martínez da Atlética Lucense lograba un rexistro oficial de 2:49.31 que representan un novo récord galego Sub16 mellorando a anterior plusmarca lograda por ela mesma fai unhas datas en Lugo. Na categoría masculina Sergio Quintas do C.D. La Purísima proclamábase campión autonómico cun bo tempo de 2:40.94 que o sitúan nun dois primeiros posto do ranking nacional.
Nos 3.000 m. os títulos galegos foron para Pepe Sáncez Del Valle do Franciscanos de Lugo con 9:30 74 e para Sara Guedes da Atlética Lucense baixando amplamente dos once minutos con 10:53.7.
Na categoría Sub18 e sobre os 400 m. títulos autonómicos tanto para Álvaro Díaz co C.D. La Purísima con 52.46 como para Inés Vázquez do C.A. Sada con 1:01.10. Boa marca a obtida por Degnesh Mato do C.A.Santiago con 2:20.14 sobre os 800 m. Na categoría masculina fermosa carreira a dos célticos Pedro Vázquez quen impoñíase por escasa marxe con 1:57.10 a Juan Núñez con 1:57.38.
Na proba raiña do medio fondo, os 1.500 m., intensa carreira a que Carolina Santos do Ria Ferrol protagonizaría impoñéndose con 4:59.07 a Marcela Morgado do Trega con 4:59.16. Iván Rego sería o dominador na categoría masculina onde o do Lucus remataba en 4:26.56
Po último nos 3.000 m. Ainhoa Gontán do Compostela Atlétismo proclamábse campioa da proba con 11:03.27 o mesmo que Antón Martínez da Atlética Lucense na categoría masculina con 9:34.00.
Noutro orde de cousas salientar a participación na proba dos 1.500 m. T11 de ceguera, de Susana Rodríguez do A.F.Celta quen malia non tomar parte co seu guía habitual, lograba un rexistro de 4:56.99 que representa a mínima para tomar parte nos Xogos Paralímpicos de Tokio.
Campionato de Galicia de Lanzamentos Longos
Xa na zona de lanzamentos correspondente ás instalacións do CGTD de Pontevedra, o atleta do C.A.Sada Fran Gúzman proclamábase campión autonómico da presente edición logo de lanzar ata os 45.13 m. Na categoría feminina o título correspondía á Sub20 Victoria Eiríz da Atlética Lucense con 38.01 m..
No martelo a Sub18 Marta Neira do AVA que recentemente se proclamaba campioa de España de lanzamentos de menores de inverno, lograba o título galego con 51.18 m., sendo a medalla de ouro na categoría masculina para o atleta e adestrador natural de O Barco pero asentado en Madrid, Carlos Revuelta do Marathon coin 62.00 m.
A xavelina, un dos pratos da xornada, non deparou sorpresas. Na categoría femenina campionato para a subcampioa de España de aire libre do ano pasado de Carmen Sánchez do Unicaja Jaén con 49.55 m. sendo Jonathan Correa do Celta o gañador na masculina, estreando tempada, con 56.16 m.
A maiores durante toda a xornada, estivo organizándose o II Control de inverno en pista cunha amplísima participación de atletas das categorías base do noso deporte
Foto de Ollodexan