Resultados en directo  

Belén Toimil fai historia en Torun

Non hai palabras que poidan expresar o grao de emoción vivida no día de hoxe na disputa da clasificación do concurso de lanzamento de peso correspondente ao campionato de Europa de pista cuberta.

No círculo central entraba Belén Toimil, a nosa Belén sempre humilde, sempre agradecida, sempre accesible e  sempre cun sorriso permanente polo que un non pode sentir máis que cariño e admiración a partes iguais. Pero hoxe era un día moi grande, e tocaba concentración e seriedade.

Esa nena pequena que comezaba a lanzar nas pistas de Narón da man de Ramiro Couce e que segundo  Alvaro Valle ¨ Viña todos os días desde Mugardos a Narón a adestrar o que para ela supoñía un gran sacrificio¨

Dos seus comezos destaca que ¨Sempre foi moi disciplinada, disfrutaba moito que que facía ainda que…nunca fun capaz de facer que dera máis de dúas voltas á pista nos quecementos¨  De igual modo salienta a importancia do seu entorno ¨Tivo a desgracia de perder a súa nai sendo apenas unha adolescente, pero malia elo continuou adestrando co apoio do seu pai que sempre que podía acompañábaa e estaba presente nas competición e adestramentos¨  Un dato que quere salientar é que ¨ Foron sempre moi agradecidos e estiveron con nós (o Atletismo Narón) ata que marchou de aquí, e iso  que puido estar con outros clubs de moita máis entidade¨

Pero hoxe era o día, o primeiro dos moitos que virán importantes, e Belén era moi consciente e sabedora do seu bo estado de forma, ese mesmo que a levaron a mellorar no presente ano a súa marca personal en máis de sesenta e dous centímetros. ¡62 centímetros! Que mellor motivación que saberse formando parte por dereito propio do club das grandes. Pero non, a bola  que collía con firmeza agardáballe algo moito máis importante, algo que se levaba cociñando desde o principio do comezo. Hoxe por fin, de súpeto cobraba sentido todo o traballo, todos os sacrificios, todas as súas etapas e horas interminables de adestramentos que a levarían de Narón, ao CGTD de Pontevedra para rematar no CARD de León lonxe da súa casa e da súa xente.

Pola súa cabeza seguro que entre outros, pasaron esos malos momentos pasados non fai moito, cando unha lesión de seonllo a mantivo afastada durante varios meses, pero desas situacións tamén unha gran campioa saca aprendizaxes positivos.

E chegou o momento… e chegou a recompensa ¡¡18,64!!

Poderiamos abordar a noticia de mil maneiras, aportando datos, estatísticas, referencias, pero hoxe non nos imos centrar  nese extraordinario récord de España, nin en que se acada unha incríble mínima para tomar parte en nada menos que nos  Xogos Olímpicos de Tokio, ou que con ese lanzamento se logra un fito histórico dun pase á final  nun concurso de peso femenino. Hoxe queremos enmarcar esta magnífica nova como unha xusta recompensa a unha forma de ser, a un carácter e unha actitude que fan xustiza a Belén Toimil.

Grazas por facernos disfrutar como poucas veces desta fermosa e histórica tarde, da que estamos convencidos que será un punto e seguido.

Na final de mañá a soñár, a disfrutar e ser ti mesma, estaremos todos contigo.

Compartir: